O Concello clausurou o programa ‘Concilia Bueu’ cunha Gholifesta
- No programa participaron máis de setenta nenas e nenos que aprenderon sobre artes plásticas, patrimonio cultural, hábitos de vida saudables ou concienciación medioambiental durante os meses de xullo e agosto
Despois de dous meses de actividades, o Concello de Bueu clausurou este luns o programa ‘Concilia Bueu’, no que máis de setenta nenas e nenos de 3 a 12 anos puideron gozar de actividades nas que abordaron as artes plásticas e escénicas, a concienciación medioambiental, os hábitos de vida saudables, e o patrimonio arquitectónico e cultural de Bueu. Macu Rodríguez, concelleira de benestar social, achegouse esta mañá ás instalacións do CEIP A Pedra e do IES Johán Carballeira, lugares nos que transcorreron os obradoiros e que hoxe estaban de gala, pois o punto e final consistiu na celebración dunha Gholifesta nun dos grupos, e dunha representación teatral e obradoiros de ciencia no outro. Nela as pequenas e pequenos lanzaron pos multicolores ao aire para reivindicar o dereito de todas as persoas a ser quen queiran ser e a amar libremente, que é o sentido último desta festa de orixe india que se veu celebrando no municipio bueués dende hai tres anos e que nesta ocasión tivo que cancelarse debido á situación da Covid-19.
O programa ‘Concilia Bueu’ púxose en marcha dende o Concello como unha fórmula de favorecer a conciliación laboral e familiar, e ofrecer unha alternativa de lecer durante a tempada estival para as pequenas e pequenos que estiveron tanto tempo nas casas debido ao confinamento domiciliario decretado en marzo pola Covid-19. Os obradoiros, que se desenvolveron en diversos grupos todas as mañás de luns a venres, foron gratuítos para as familias, e contaron cunha subvención da Deputación Provincial de Pontevedra.