O Concello celebrará neste 2020 o Ano José María Estévez a prol do Patrimonio
No día en que se cumpren 120 anos do nacemento do divulgador local Cultura anuncia que será protagonista da programación cultural
O responsable das áreas de Cultura, Ensino e Patrimonio, o nacionalista Xosé Leal busca neste ano 2020, cando se cumpren precisamente hoxe 120 anos do nacemento do bueués José María Estévez, poñer en valor a figura dun dos grandes divulgadores do patrimonio e da historia da vila. O autor do libro Reconocer Bueu, editado de xeito póstumo pola Deputación de Pontevedra en 1996, será un dos epicentros da programación cultural da vila co obxectivo de promover entre a cativada e as persoas adultas o coñecemento e o respecto polo patrimonio local tal como fixo durante a súa vida Estévez.
Un dos proxectos que se levarán a cabo neste ano será a reedición do seu libro Reconocer Bueu, para o cal xa se tiveron os primeiros contactos coa familia e a responsable de Patrimonio Bibliográfica da Deputación, a moañesa María Ortega. Esta obra que se fará en galego, pretende ademais introducir textos de diferentes mulleres e homes da vila que destaquen a figura do homenaxeado, ademais de introducir cuestións que melloren un texto que é unha referencia para a xente de Bueu, e que esgotouse no seu momento tras dúas tiraxes. O resto de actividades iranse coñecendo nas vindeiras semanas e para as cales se vai solicitar a colaboración da familia, dos centros educativos, ademais de involucrar a diversos colectivos da vila.
Leal incide en que a posta en valor de José María Estévez nos últimos anos levouse a cabo dentro doutras iniciativas como Os Gozosos Anos 30, que neste ano tamén seguirá a relanzar a historia dunha época -entre o 1930 ata o 1936- na que o Estévez foi unha persoa relevante ao igual que nos anos posteriores e ata a súa morte. Para o concelleiro a descuberta da placa da rúa coa que conta na vila, a charla sobre o seu papel dentro do Partido Galeguista e a súa presenza no libro infantil Gozosos Anos 30, no que o bueués exerce de persoa estudosa que fai as preguntas ao final do mesmo á cativada.
A inciativa do Ano José María Estévez vai ser tamén unha clara aposta pola posta en valor do patrimonio, nun ano no que procederase a executar a musealización do estaleiro da Banda do Río, o arranxo e posta en valor de lavadoiros e fontes, ademais de prever o goberno local iniciar os traballos coa Xunta para a consecución da area arqueolóxica de Pescadoira. Neste aspecto Leal incide en que está próximo a rematarse un documento coas liñas mestras do seu departamento para os vindeiros dous anos que pasará tanto por Xunta de goberno como por comisión informativa.
O labor dos últimos anos en proxectos como o de Travesía por tres momentos da historia de Bueu ou na recuperación patrimonial de diferentes elementos e zonas terá continuidade nos vindeiros anos nunha clara aposta pola cultura do coñecemento.