O Concello aproba definitivamente o Orzamento Xeral de 2020
- As alegacións presentadas foron desestimadas tras un informe do Interventor Municipal e as contas aprobáronse no pleno extraordinario deste martes
A corporación municipal de Bueu celebrou este martes, 11 de agosto, un pleno extraordinario no que se aprobou o Orzamento Xeral de 2020, despois de que se dese conta das alegacións impostas ao mesmo e tras o informe desestimatorio do Interventor Xeral.
O orzamento fora aprobado inicialmente no pleno de xuño deste ano, e na exposición pública presentáronse unha serie de alegacións por parte dos grupos municipais PP e PSOE, un empregado do Concello de Bueu e a Federación de Empregadas e Empregados dos Servizos Públicos de UGT. Respecto delas, o Interventor salienta no informe que “as cuestións propostas non teñen cabida nos motivos establecidos no artigo 170”. Así mesmo, apunta que “respecto a unha posible e hipotética insuficiencia de créditos para poder atender as obrigas que puideran derivarse, ao longo do exercicio os créditos das diferentes aplicacións orzamentarias poden aumentar ou diminuír acudindo á técnica da modificación orzamentaria”.
A aprobación definitiva saíu adiante cos votos a favor dos grupos de goberno, BNG e ACB, e en contra do PP e PSOE. Neste sentido, Félix Juncal, alcalde da vila, apuntou que “os orzamentos son o reflexo da situación real do Concello e permitirán a cancelación total da débeda financeira, adiantándonos en tres anos ao período de amortización”.
Tanto en gastos coma en ingresos, o orzamento municipal ascende a 6.275.000 €. No capítulo de ingresos, os impostos directos supoñen 2.387.500 €; os impostos indirectos, 125.000 €; as taxas e outros ingresos, 572.600 €; as transferencias correntes, 3.160.930 €; os ingresos patrimoniais, 24.970 €; e os activos financeiros, 4.000 €; mentres que na parte de gastos, os diversos capítulos son os seguintes: a gastos de persoal destínanse 3.147.605 €; a gastos en bens correntes e servizos, 2.166.645 €; a gastos financeiros, 5.750 €; a transferencias correntes, 779.000 €; a investimentos reais, 106.500 €; a activos financeiros, 5.000 €; e a pasivos financeiros, 64.500 €.
A aprobación dos orzamentos vai permitir que proximamente se poida aprobar o expediente de licitación do Servizo de Axuda no Fogar, cun incremento considerable no custe total, e que poidan convocarse as axudas para clubs deportivos e asociacións culturais, para as que se aumentarán as partidas económicas.