Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello apoia a ampliación do Parque Empresarial de Castiñeiras

  • O alcalde e o concelleiro de urbanismo mantiveron unha reunión coa consultora contratada polos empresarios e propietarios de terreos (Aprointer), impulsores desta iniciativa
  • O informe de avaliación ambiental do proxecto atópase en exposición pública dende o 30 de decembro, e é posible que este ano se poida avanzar no plan sectorial

A ampliación do Polígono Empresarial de Castiñeiras comeza a ser unha realidade. Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, mantiveron a pasada semana unha reunión cun representante da empresa Urben, consultora contratada polos empresarios e propietarios de terreos (Aprointer), que impulsan esta iniciativa, que permitirá que o parque industrial amplíe o solo para a instalación de máis naves. A cita tivo lugar na Casa Consistorial, e o motivo era comunicar que dende o 30 de decembro o informe de avaliación ambiental do proxecto atópase en exposición pública, un trámite previo á análise do proxecto sectorial no que se trazan as liñas básicas do mesmo. O documento poderase consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, no apartado de ‘plans’, a través do código 2373/2020.

O obxectivo deste plan é que Castiñeiras conte con 90.000 metros de aproveitamento puramente industrial, segundo indica o edil de urbanismo, quen tamén destaca que se ofrecerán espazos de ocio que engadirán máis valor para a cidadanía. Así, a idea é que se habilite unha zona verde que rodearía todo o parque empresarial de sendeiros peonís e a recuperación de espazos xunto ao coñecido como Regato do Nocedo.

O consistorio tamén poderá adquirir parcelas de uso lucrativo, que se utilizarían para construción de naves ou outras dotacións, e que supoñerían arredor de 8.000 metros cadrados, cuxa maior parte se quere empregar para a agardada ampliación do cemiterio municipal. Así mesmo, existe outra parcela de arredor de 1.000 metros cadrados que se destinará a usos de carácter social. E o capítulo de infraestruturas de comunicación supoñerá outros 28.000 metros cadrados, entre viais que conectarán interiormente as parcelas e a reserva de estacionamentos (está previsto crear 614 prazas).

A tramitación do proxecto levarase a cabo no Instituto Galego de Vivenda e Solo e o Concello soamente participará na aprobación final. A previsión é que en catro meses poida recibirse o informe favorable da avaliación ambiental para, ao longo deste ano, avanzar no proxecto sectorial cunha ordenación detallada do parque empresarial.

“Estamos moi ilusionados con esta iniciativa privada de ampliación do polígono, que apoiamos totalmente”, remarcan o alcalde e o concelleiro da área, quen salientan que con isto se demostra que Bueu conta coas garantías urbanísticas e xurídicas para realizar este tipo de investimentos. De feito, Castiñeiras é o único parque da comarca que está construído de forma legal e ordenada, e de aí que resulte atractivo para as empresas.