Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello anima ao comercio local a sumarse á campaña ‘En negro contra as violencias machistas’

  • A concellaría de igualdade está deseñando un programa de cara ao 25 de novembro, adaptado ás circunstancias da Covid-19

O Concello de Bueu, a través da concellaría de igualdade, anima aos comercios e locais de hostalaría da vila a sumarse por terceiro ano consecutivo á campaña ‘Bueu en negro contra as violencias machistas’, impulsada no marco dun proxecto galego con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Non Violencia Contra as Mulleres.

Debido á situación da Covid-19, este ano o Concello non repartirá material físico a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), pero pode reciclarse de anos anteriores ou descargarse da web https://ennegrocontraasviolencias.gal/gl. Nas redes sociais do Concello de Bueu iranse publicando entre o 23 e o 25 deste mes as imaxes dalgúns escaparates participantes, polo que se convida a que desde os locais compartan as súas fotos e as envíen ao enderezo electrónico comunicacion@concellodebueu.gal.

Entre os obxectivos desta campaña están fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas, implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos de mulleres, promover a transversalidade de xénero nas accións e políticas municipais para traballar a prol da igualdade e pola prevención, eliminación e tratamento das violencias de xénero en todos os ámbitos, e identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte da cidadanía, establecementos comerciais e axentes sociais.

Actos 25 de novembro

A corporación local de Bueu aprobou no pleno deste mes unha declaración institucional de todos os grupos políticos municipais con motivo do Día Internacional da Non Violencia Contra as Mulleres, na que demandan á Xunta de Galicia o incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero nos orzamentos de 2021, de forma que se sitúen como mínimo, no 1% do total e así dotar de suficientes recursos para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, entre outras cuestións.

Segundo salienta Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade, este ano, con motivo da Covid-19 estanse buscando alternativas para o 25 de novembro, dadas as restricións establecidas e o límite nas aglomeracións de persoas. Así, unha das ideas nas que se está traballando é a elaboración dun vídeo no que concelleiros e concelleiras da corporación bueuesa lerán fragmentos de poemas ou novelas que traten sobre as violencias machistas ou reflexionen sobre o feminismo, e que se difundirá nas redes sociais do Concello. Así mesmo, é probable que se organicen pequenos actos nos centros educativos da vila, tanto de primaria como de secundaria.

A Xunta de Galicia, tamén con motivo desta efeméride, organiza o xoves 19 unha mesa informativa na Praza Massó sobre o programa “#AgresiónOff 2020”, que se poderá visitar entre as 10 e as 14 horas. E o propio 25 de novembro, está convocada dende a Subdelegación do Goberno unha concentración silenciosa por todas as vítimas asasinadas polo machismo, que terá lugar ás 12 h diante da Casa Consistorial.