Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello anima ao comercio local a sumarse á campaña ‘En negro contra as violencias’

Un total de cento cincuenta establecementos sumáronse o pasado ano á campaña ‘Bueu en negro contra as violencias machistas’, impulsada desde a concellaría de igualdade no marco dun proxecto galego. Dada a boa acollida da iniciativa, o Concello anima a todo o comercio e hostalaría local a adherirse a esta segunda edición, que terá lugar entre o 18 e o 25 de novembro, con motivo do Día Internacional da Non Violencia Contra as Mulleres.

O Concello repartirá material a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM) Nas redes sociais do Concello de Bueu iranse publicando durante esa semana as imaxes dalgúns escaparates participantes, e convídase a que desde os locais compartan as súas fotos e as envíen a comunicacion@concellodebueu.gal.

Actos 25 de novembro

O departamento que dirixe Ana Isabel Otero está ultimando a programación de cara ao 25 de novembro, Día Internacional da Non Violencia Contra as Mulleres, na que se combinarán actividades para concienciar a todos os públicos. Delas destaca a estrea o mesmo día ás 20.00 h no Centro Social do Mar de ‘Agullas’, un documental elaborado polo Concello de Bueu con cargo aos fondos do Pacto de Estado e que recolle historias persoais de mulleres vítimas da violencia machista, así como a visión de diversos profesionais. Segundo salientan desde o CIM, o obxectivo é deixar claro que as violencias machistas non teñen idade nin clase social, senón que son síntoma da sociedade patriarcal na que vivimos.

Co fin de traballar no tratamento da violencia de xénero, durante este mes estanse celebrando diversas sesións dirixidas ao profesorado, persoal do Centro de Saúde e forzas e corpos de seguridade.