O Concello amplía o prazo de pagamento do IVTM e suspende o resto de impostos ata novo aviso
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Julio Villanueva, vicealcalde e encargado da área de facenda, mantiveron este venres unha xuntanza cos servizos técnicos da área económica do Concello, intervención e tesourería, para ultimar as medidas que se van poñer en marcha de forma inminente para intentar frear os efectos negativos da crise sanitaria do Coronavirus. Ao longo desta semana, os técnicos analizaron os diversos decretos do goberno central dende o marco das competencias municipais para ofrecer medidas reais e efectivas á cidadanía bueuesa.
O primeiro que se acordou é ampliar o prazo de pagamento do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), coñecido como ‘rodaxe’, que se poderá aboar ata o 30 de maio, é dicir, un mes máis. Así, segundo apunta o rexedor, aínda que neste caso os recibos xa se enviaran as contribuíntes, as persoas que teñan complicacións económicas, poderán pagar sen ningún tipo de recarga ata o 30/05/2920, descargando directamente o recibo na Oficina Virtual Tributaria do Concello. Facilitarase aos interesad@s a información necesaria a través do enderezo electrónico bueu@canatributos.com e no teléfono 986390066.
O padrón da taxa do servizo municipal de augas, que estaba previsto para finais de marzo, queda suspendido ata que finalice o actual estado de alarma. Así acontece tamén coa taxa polo mercadiño ambulante, e neste caso concreto as vendedoras e vendedores non terán que pagar polos mercados que non se celebraron, tanto do primeiro trimestre como do segundo.
Con respecto á taxa anual de terrazas dos locais de restauración que xa estean aboadas, aplicarase unha devolución proporcional a estas semanas de cese temporal da actividade.
En xeral, quedan paralizados o resto de padróns municipais e o Concello reforzará as axudas destinadas a mitigar os efectos económicos negativos ás persoas máis vulnerables, a través da ampliación dos programas de emerxencia social.
O goberno local continúa, pois, estudando e analizando a situación e non se descarta que no futuro poidan habilitarse outras medidas económicas e sociais.
Podes ver a información completa no Decreto da Alcaldía que se aprobou este 30 de marzo: