Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello agasalla un lote de camisetas ao Club de Petanca de Bueu

  • Hai uns meses xa se levou a cabo o acondicionamento de dous campos para a práctica deste deporte na zona de A Estacada

O Concello de Bueu vén de facer entrega dun lote de camisetas ao Club de Petanca de Bueu, que esta fin de semana competirán no campionato que se celebra en Cangas. Félix Juncal, alcalde de Bueu, Julio Villanueva, vicealcalde e concelleiro de facenda, Ricardo Verde, concelleiro de deportes, Xosé Leal, concelleiro de cultura, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, quixeron agasallar a algunhas persoas integrantes deste colectivo cunha camiseta elaborada para a ocasión baixo o lema de “Harmonía”.

Non é esta a única iniciativa de colaboración con este club, pois o Concello acondicionou hai uns meses dous campos para a práctica de petanca na zona de A Estacada, que cumpre cunha demanda veciñal e cuxa utilización está aberta á cidadanía en xeral.  Estes campos súmanse aos espazos cada vez máis solicitados para os xogos tradicionais e populares, e que se sitúan nunha localización na que o Concello creou e seguirá creando instalacións para a xente. De feito, nas inmediacións desa zona sitúanse outras dotacións públicas, como o parque infantil, o skate park, a piscina municipal, ou mesmo o sendeiro do río Bispo, coas que o Concello busca fomentar hábitos saudables e en convivencia coa natureza.

O club reúnese todos os luns pola tarde na zona para adestrar, aínda que farán unha parada no verán e volverán de cara ao mes de setembro.