O Concello adquire un dumper e unha máquina de alta presión para a brigada de obras e servizos
A brigada de obras e servizos do Concello de Bueu conta dende agora con nova maquinaria coa que se mellorarán os servizos e se ofrecerá un salto de calidade no mantemento. Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Álvaro Otero, capataz da brigada, recibiron este venres un dumper e unha máquina de alta presión, nos que o consistorio investiu 24.000 euros con cargo a fondos propios.
A adquisición do dumper servirá para que a brigada conte cun medio no que depositar e mover terras de cara a obras e actuacións diversas, como poden ser pavimentacións ou saneamentos e abastecementos, que se realizan ao longo de todo o ano e para as que ata o de agora se alugaba unha máquina de características similares. En canto á máquina de alta presión, esta servirá para limpar en profundidade as rúas, os paseos e mesmo os parques, zonas moi de tránsito e que así se manterán nun maior estado de salubridade. Segundo avanza o alcalde, “nos próximos días activaremos a primeira fase da campaña de limpezas, desbroces e baldeos de rúas, uns traballos que continuarán na primavera e no verán”.
Nos últimos anos, o Concello está dotando á brigada de máis medios e recursos que faciliten o traballo e melloren o estado dos espazos públicos, como foron a máquina varredora ou, máis recentemente, unha furgoneta, ou un vehículo de limpeza de praias, entre outros. Con eles, amais da mellora nos servizos, o Concello continúa apostando polo coidado do medio ambiente e dos espazos públicos.