Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello adquire novo material de natación para a piscina

• Segundo avanza o concelleiro de deportes, o material servirá para a mellora da técnica de natación e do control postural
• Esta infraestrutura abriu as súas portas hai máis dun ano e acolle clases de ximnasia e de disciplinas como zumba, e o goberno local agarda licitar proximamente o contrato para a xestión do servizo, despois do cal se habilitarán máis espazos

A piscina municipal cuberta de Bueu, situada nas Lagoas, xa dispón de novo material para natación, que se empregará por parte das persoas participantes nas clases de ximnasia e polas usuarias en xeral. Así o destacaron Félix Juncal, alcalde de Bueu, Ricardo Verde, concelleiro de deportes, e Xosé Leal, edil de cultura, que participaron hoxe no acto de entrega xunto aos socorristas deste espazo.
O material foi adquirido polo Concello co fin de incrementar uns recursos que demandaban as persoas usuarias e que poden axudar ao nado ou á práctica de deportes como o aquagym. Así, a piscina conta con dous tapices para a mellora do equilibrio na piscina, 30 churros para o control postural, 25 táboas de natación de tamaño mediano para mellora da técnica de natación, 25 mancuernas e 25 pulseiras para fomento da técnica e aprendizaxe. Este material empregarase por parte das persoas que participan nas ximnasias organizadas polo Concello de Bueu, e tamén poderán ser utilizadas polas que o desexen baixo a responsabilidade dos socorristas. Ademais, e dada a demanda por parte da cidadanía, dotouse de lousas de PVC antideslizante a cada un dos vestiarios, que melloran o acceso á piscina e ás clases de ximnasia.
Neste primeiro ano de vida, o Concello abriu a piscina de forma gratuíta co obxectivo de dar a coñecer as instalacións á cidadanía aínda que cun horario reducido e soamente con acceso ao vaso. Neste período, as cifras de asistencia demostran que a infraestrutura segue afianzándose coma un gran centro deportivo e de saúde, e nela acóllense clases de ximnasia e de mantemento deportivo, e tamén houbo sesións de zumba durante o Nadal e a Semana Santa.
Agora, os servizos técnicos e xurídicos do Concello están ultimando todos os documentos para licitar o servizo de xestión dos próximos anos. Dende o goberno local subliñan que se trata dun expediente complexo, no que son precisos varios documentos: un regulamento de funcionamento, a ordenanza fiscal na que se se regulan os prezos públicos para os usuarios e usuarias, o propio contrato para a xestión do servizo e a licitación do subministro do equipamento das salas deportivas, que se realizará a través dun renting.
O Concello continúa coa apertura da piscina de forma gratuíta e en horario de luns a venres de 09.00 a 12.00, e de 17.00 a 21.00 h, e os sábados de 09.00 a 12.00 horas.As persoas que queiran inscribirse poderán chamar ao teléfono 986138689, ou escribir ao correo electrónico piscina@concellodebueu.gal. O Concello confía en que as instalacións poidan estar completamente operativas e adxudicadas a través dun contrato de xestión de servizos no último cuadrimestre do ano.