Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello acondiciona dous campos de petanca na Estacada

  • Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou onte este espazo público no que quince persoas practican este deporte semanalmente, e anima a toda a cidadanía a facer uso del

O Concello de Bueu vén de acondicionar dous campos para a práctica de petanca na zona de A Estacada, que cumpre cunha demanda veciñal e cuxa utilización está aberta á cidadanía en xeral. Precisamente este luns Félix Juncal, alcalde de Bueu e encargado da área de obras e servizos, visitou o lugar acompañado dunha quincena de mulleres e homes que se reúnen semanalmente para xogar á petanca, unha práctica que manteñen dende hai aproximadamente cinco anos.

Durante as últimas semanas acometéronse os traballos para contar con estes dous campos, que se suman aos espazos cada vez máis solicitados para os xogos tradicionais e populares, e que se sitúan nunha localización na que o Concello creou e seguirá creando espazos para a xente. De feito, nas inmediacións desa zona sitúanse outras dotacións públicas, como o parque infantil, o skate park, a piscina municipal, ou mesmo o sendeiro do río Bispo.

Ascensión Riobó, unha das usuarias deste espazo, destaca que “é un luxo contar con estes campos que lle solicitamos ao alcalde logo de ver outros semellantes en concellos da provincia, e que el atendeu con xenerosidade”. Riobó tamén anima a toda a cidadanía que queira coñecer este deporte que se achegue os luns entre as 16.30 e as 19.00 horas, pois “somos un grupo de amigos e amigas que nos unimos para movernos un pouco e socializar”. Polo momento, este grupo adestra todos os luns de setembro a xuño, aínda que agora coas instalacións novas non desbotan incrementar a periodicidade, e incluso valoran competir.