Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello acomete a limpeza da zona do Ramal dos Galos

  • Os traballos consistiron no baldeo de diversos espazos e beirarrúas, así como na recuperación da auga da fonte do lugar
  • Continúa o plan de acondicionamento de espazos públicos polo resto de aldeas tanto con persoal propio como da Fundación Juan XXIII

Despois de actuar na Praza Massó, o Concello de Bueu acometeu este venres unha limpeza da zona do Ramal dos Galos, concretamente a través dun baldeo da rúa entre este vial e a PO-551 á altura de Soutelo, que continuarán nos próximos días polas beirarrúas da zona. Félix Juncal, alcalde da vila e encargado da área de obras e servizos, visitou este venres o lugar, no que tamén se limpou a arqueta e a mina para recuperar a auga da fonte, que estaba seca dende había uns meses.

Xa como se avanzou a inicios desta semana, o Concello dispón de varias brigadas de obras e servizos traballando na limpeza de camiños e espazos públicos ao longo dos lugares das tres parroquias. Así, o persoal da Fundación para a Discapacidade e Emprego Juan XXIII puxo a punto os accesos e a contorna dos areais de Agrelo – Portomaior e do complexo recreativo do Xistro, nas inmediacións do parque infantil e da pista de tenis.

A brigada dos operarios municipais comezou coa roza na zona do Valado, o que permitirá a continuación limpar a senda do río Bispo no tramo urbano, estendéndose despois cara ao tramo superior. Así mesmo, tamén se iniciou unha primeira limpeza do Adro de Sanamedio con tractor, que se completará con maquinaria manual.

Estes traballos estenderanse e reforzaranse nos próximos días e semanas a todos os recunchos da vila, tanto do rural como da parte urbana co obxectivo de mellorar a mobilidade cidadá. De aí que tamén se estean levando a cabo tarefas de reparación para eliminar fochancas en viais municipais.