Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello abre o prazo para a licitación de estantes no Arquivo Municipal

  • As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 25 de agosto
  • O proxecto ascende a un orzamento total de 52.175,20 €, dos que 36.522,64 € se corresponden cunha subvención da Xunta de Galicia

O Concello de Bueu abre o prazo de licitación para presentar ofertas de cara ao subministro de estantes móbiles para o Arquivo Municipal situado no Centro Sociocultural de Cela, cun orzamento de 52.175,20 €. As empresas interesadas poderán presentar as súas propostas económicas ata o 25 de agosto.

Esta actuación, que conta cunha subvención da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia por importe de 36.522,64 €, renovará a imaxe deste espazo que se atopaba en moi mal estado. Así, o subministro destes novos estantes permitirá dar cabida a toda a documentación en papel pendente de recibir dos diferentes servizos municipais, responder ás expectativas do volume de documentación en soporte papel dos próximos anos, coa diminución prevista pola implantación da Administración electrónica, así como aumentar a capacidade de arquivo actual.

A memoria técnica redactada polo arquitecto técnico municipal indica que os estantes fixos e móbiles irán montados sobre unha plataforma, para instalación de caixas de arquivo de 120x386x277 mm. O conxunto terá unha capacidade mínima equivalente a 4200 caixas, polo que se estiman un total de 56 unidades de estantes, cunha lonxitude aproximada de 1m.

Toda a documentación atópase na Plataforma de Licitación do Estado, á que se pode acceder dende a páxina web municipal.