O Concello abre o prazo de licitación para as obras de ampliación da rede de abastecemento e saneamento na Cabreira – Antepazo
- As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas económicas ata o 28 de novembro para levar a cabo esta actuación financiada co Plan Concellos 2023 da Deputación de Pontevedra
O Concello de Bueu abre o prazo para que as empresas interesadas poidan presentarse para as obras de ampliación da rede de saneamento e abastecemento na zona da Cabreira e Antepazo, na parroquia de Cela. O anuncio vén de publicarse na Plataforma de Contratación do Sector Público, e establécese que o prazo de presentación de ofertas esténdese ata o vindeiro 28 de novembro.
O orzamento base de licitación ascende a 107.753,03 €, IVE engadido, e finánciase con cargo ao Plan Concellos 2023 da Deputación de Pontevedra.
Con esta obra, que terá unha duración de execución de 4 meses, o que se pretende é ampliar os servizos básicos ás vivendas nesas dúas zonas, para permitir dotalas con saneamento e abastecemento. Así mesmo, segundo consta no proxecto, tamén se aproveitará para pavimentar tres camiños, un deles que se atopa sen pavimento e outros dous con el bastante deteriorado e nos que urxe acometer unha actuación para mellorar o acceso ás vivendas por parte da veciñanza.
O goberno local leva moitos anos traballando para completar os servizos básicos do rural, tanto de mellora dos accesos ás vivendas como a posta a punto do saneamento e abastecemento da auga.