Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello abre o prazo de licitación para a pavimentación dos corredores interiores do Cemiterio de Beluso

  • As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas económicas ata o 9 de novembro para levar a cabo esta actuación financiada co Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra
  • Os traballos consistirán no formigonado dos corredores interiores do cemiterio, a pavimentación das lousas de pedra do país, e a formación de canaletas para augas pluviais

O Concello de Bueu abre o prazo para que as empresas interesadas poidan presentarse e acometer as obras de pavimentación dos corredores interiores do Cemiterio de Beluso. O anuncio vén de publicarse na Plataforma de Contratación do Sector Público, e establécese que o prazo de presentación de ofertas esténdese ata o vindeiro 9 de novembro.

Tal e como se explica no proxecto técnico, nos corredores interiores deste cemiterio requírense actualmente moitos labores de mantemento, xa que hai que rozar e limpar continuamente, situación que empeora coas chuvias que xeran fochancas, causando moitas molestias ás persoas usuarias. Por iso se propón esta actuación de pavimentación, cun orzamento de 51.920,92 €, que se financiará con cargo ao Plan Concellos 2022 da Deputación Provincial de Pontevedra.

As obras que se van acometer consisten no formigonado dos corredores interiores do cemiterio (respectando o espazo de inhumación sobre o propio terreo), a pavimentación das lousas de pedra do país, e a formación de canaletas para as augas pluviais. Félix Juncal, alcalde da vila, declara que “a miña intención era telo executado antes do Día de Defuntos, algo que finalmente non poderá ser debido a atrasos nos procedemos administrativos, pero contamos que a finais de novembro estea lista a actuación”.

Plan de mellora integral de cemiterios

Esta obra complementará a outra actuación que o Concello de Bueu levou a cabo neste cemiterio a comezos de ano, e que consistiu na dotación de novos nichos, columbarios e cinseiros. O alcalde salienta que “esta mellora supuxo aumentar a capacidade dos cemiterios para poder atender a demanda da veciñanza ao tempo que resolven varios problemas estruturais”. Así, no cemiterio de Beluso habilitáronse dúas zonas nas que se instalaron os elementos de formigón, que permitiron unha redución considerable do tempo de execución das obras  Na primeira destas áreas implantouse un módulo de 68 nichos (17 en horizontal e 4 en altura), e outro módulo composto por 25 columbarios (5 en horizontal por 5 en altura) e situados no lateral no módulo de nichos, e sobre o que se situou unha fila cun total de 17 cinseiros baixo a cuberta inclinada de remate do módulo; mentres, a segunda zona consta de tres módulos e 20 columbarios cada un (4 en horizontal por 5 en altura) cunha distribución en forma de “U”, na que se xerou unha praza de acceso retranqueada con respecto á rúa.

Este proxecto súmase a outro de similares características que se realizou no cemiterio de Bueu e que permitiu que se ampliase este espazo con 108 novos nichos, 52 columbarios e 27 cinseiros, e no que tamén se arranxou a entrada principal e os accesos. A idea é que se poida acometer outro similar no futuro para o cemiterio da parroquia de Cela.