Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello abre o prazo de licitación para a pavimentación de dous camiños en Montemogos e outros no lugar de Meiro

  • As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas económicas ata o 31 de agosto
  • As obras para os viais de Montemogos contan co financiamento do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra e ascenden a un orzamento de 58.490,19 €, IVE engadido
  • Na zona de Meiro vanse arranxar catro camiños da zona alta, cun orzamento de 66.496,81 €, IVE engadido, e tamén con financiamento provincial

O Concello de Bueu abre o prazo para que as empresas interesadas poidan presentarse para acometer as obras de pavimentación de dous camiños en Montemogos, na parroquia de Beluso, e outros catro en Meiro. Despois da aprobación na Xunta de Goberno Local desta semana, os anuncios veñen de publicarse na Plataforma de Contratación do Sector Público, e establécese que o prazo de presentación de ofertas abrangue ata o 31 de agosto.

Segundo consta no proxecto de Montemogos, trátase de acometer a pavimentación de dous tramos de camiños situados nas inmediacións das praias de Lagos e Area de Bon, cunhas lonxitudes de 380 e 190 metros e situados no núcleo de Montemogos.

Os traballos que se levarán a cabo consisten na limpeza e preparación de explanación con medios manuais e maquinaria pequena, roza, desherbado, retirada de terrón e terra vexetal, apertura ou limpeza de cunetas, escavación e regularización da plataforma, e arranxo de firme con pintado.

Pola súa parte, tamén con financiamento provincial, vanse pavimentar catro camiños situados na zona alta de Meiro, dende Fontouteiro ata Quintáns, cun orzamento global de 66.496,81 €, IVE engadido.

Estas obras forman parte do plan anual que o goberno local deseña para mellorar o acceso aos núcleos de poboación e espazos públicos, e que ten unha especial incidencia nas áreas rurais.