O Concello abre o prazo de exposición pública do Plan de Actuación Contra o Risco de Incendios Forestais
- A cidadanía poderá consultar o plan na páxina web do Concello de Bueu e presentar alegacións durante vinte días hábiles
O Concello de Bueu abre o prazo de exposición pública do Plan de Actuación Contra o Risco de incendios Forestais, ante o que a cidadanía disporá de 20 días hábiles para consultas ou alegacións. O plan, que foi elaborado polo enxeñeiro técnico Manuel Peixoto Torres, poderá consultarse na páxina web do Concello de Bueu (https://concellodebueu.gal/pam-contra-incendios/) ou de forma presencial no Departamento de Urbanismo e Medio Ambiente. Xosé Leal, concelleiro de medio ambiente, salienta que “en canto estea aprobado definitivamente, entraremos no convenio coa Xunta de Galicia , que nos dará amparo ante as numerosas instancias que presenta a veciñanza pola proliferación de especies arbóreas próximas ás súas vivendas e que supoñen un gran perigo”.
Estruturado en cinco puntos, a aprobación definitiva deste plan permitirá que, tras máis de dous anos de trámite, o Concello poida notificar e ordenar ás persoas propietarias dos terreos forestais próximos aos núcleos de poboación para que os manteñan en condicións de limpeza, co fin de evitar o risco de incendios tal e como se establece na Lei 3/2007, de 9 de abril, de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais en Galicia. Así mesmo, tamén será un instrumento válido para que se poida ordenar e executar de forma subsidiaria a xestión de biomasa e a retirada de especies arbóreas nesas contornas, ademais de guiar os traballos a levar a cabo nos terreos de titularidade municipal.
En canto ao documento, a primeira das partes estuda o municipio e as redes secundarias de xestión de biomasa; o segundo analiza o risco existente para cada unha das áreas afectadas e define os elementos vulnerables (colexios, parques industriais, infraestruturas críticas…); o terceiro define os niveis de activación do plan segundo a perigosidade; o cuarto organiza ás persoas responsables municipais en grupos de traballo; e, por último, o quinto establece as normas xerais de actuación para cada responsable do grupo.