O Concello abre algúns parques infantís e adopta un protocolo de desinfección diario
O Concello de Bueu abrirá a partir deste mércores, 1 de xullo, os parques infantís do centro urbano da vila, para o que se vén de poñer en marcha un protocolo de desinfección que se levará a cabo pola mañá cedo todos os días por parte do persoal da brigada de obras e servizos municipal.
Así mesmo, tamén se adoptou a decisión de abrir o Parque Xosé Novas, na parroquia de Beluso, e o do Centro Sociocultural de Cela, e a idea é ir poñendo en marcha os demais progresivamente e segundo se poidan garantir as medidas de seguridade e hixiene nos mesmos, tal e como se establecen nas directrices achegadas polas autoridades sanitarias para frear a Covid-19.