Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Centro de Interpretación de Agrelo acolle un proxecto de voluntariado sobre a evolución dos areais

  • A acción terá lugar o sábado 30 de xullo ás 11 horas e vai destinado a analizar os cambios nas praias da vila bueuesa, no marco do proxecto Coastsnap

A Universidade de Vigo e o Concello de Bueu, en colaboración coa FECYT, porán en marcha este verán unha acción de ciencia cidadá enmarcada dentro do proxecto nacional  “Centinelas de la Costa”. Esta iniciativa consiste na formación dun grupo de voluntarios e voluntarias que a través do uso dunha aplicación móbil poderán informar de como van cambiando as nosas costas e os areais de Bueu durante os seguintes meses. 

A acción formativa dos voluntarios e voluntarias terá lugar o sábado 30 de xullo ás 11.00 horas no Centro de Interpretación de Agrelo, situado nas inmediacións da praia de Agrelo e que conta co distintivo de centro azul de Adeac. As persoas que desexen participar nesta actividade de formación gratuíta, deberán inscribirse previamente a través dun formulario dispoñible na web municipal, ou tamén no teléfono 986390029 (ext. 2).

A actividade insírese no proxecto Coastnap, que se leva a cabo a través da colaboración entre a Universidade de Vigo e o Concello de Bueu, da que forma parte o areal de Agrelo, e que se estenderá a outros da vila. CoastSnap é un innovador sistema comunitario de seguimento de praias a nivel internacional, deseñado para capturar e medir a dinámica do litoral. Ademais é un proxecto totalmente altruísta que xorde da colaboración entre investigadores de diferentes universidades e organismos municipais. De feito, nas inmediacións do areal de Agrelo sitúase dende hai un ano unha base na que as persoas que se acheguen poden colocar os seus teléfonos móbiles para tomar unha foto da evolución da praia e compartila nas redes sociais usando o cancelo #coastsnapagrelo xunto á hora na que foi tomada.  Todas as instantáneas forman parte dunha base de datos comunitaria na que quedarán rexistrados os cambios da praia capturados dende a mesma posición e ángulo de visión.