Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Bueu Atlético Balonmán organiza este sábado o III Torneo de Veteráns

  • Ademais o luns arrancan as V Escolas de Verán Pablo Herbello nas que participan arredor de cen nenos e nenas

O Bueu Atlético Balonmán organiza este sábado, 30 de xuño, o III Torneo de Veteráns Vila de Bueu, no que participarán o Bueu atlético Bm. Veteranos, o Bm. Lalín Veteranos, o C.D.S. Bernardo Aveiro (Portugal), o Bm. Veteranos Aula Valladolid, o C.B. Lucus Veteranos, o C.B.V.V. La Salle (Valladolid), o Rasoeiro Bm., e o Veteranos de Meaño.

Os partidos disputaranse no Pavillón Municipal Pablo Herbello entre as 9 e as 16.30 horas, coa fase final a partir das cinco da tarde. Ademais, e como o ano pasado, ao remate, está programada unha cea e visita guiada á Illa de Ons, tal e como apuntaron os membros da directiva este venres na rolda de prensa celebrada na Sala Amalia Domínguez Búa, na que estiveron presentes Irene Vilaboa, adestradora do Club, José Ramón Martínez, membro da directiva, Manolo Otero, concelleiro de deportes, e algúns xogadores.

E para os máis pequenos e pequenas da casa, habilitarase unha zona infantil con xogos diversos.

Escolas de Verán Pablo Herbello

Por outra banda, o acto de hoxe tamén serviu para presentar o programa das V Escolas de Verán Pablo Herbello, que comezarán o próximo luns e que se estenderán ata o 31 de xullo, de luns a venres (en horario de 9.30 a 13.30 h). Durante este tempo, os rapaces e rapazas nados entre 2003 e 2013 poderán gozar de actividades como deportes acuáticos, sendeirismo, obradoiros diversos, balonmán, praia e convidados de elite. Moi importantes serán tamén as sesións de tecnificación que este ano estarán moi vinculadas co balonmán e nas que participarán convidados tan especiais como Ismael Martínez, adestrador do Atlético Novas de División de Honra de Plata; Moisés Simes, xogador do Bueu e militante no Frigoríficos; Sara Gil, guerreira Iberdrola e que milita no Porriño División de Honra; Duarte Batán, xogador do Lalín e que militará en División de honra Plata en Torrelavega; ou Víctor Garrido, director técnico de Balonmán Xallas, ademais doutras visitas sorpresa que se irán desvelando máis adiante.

Outras das actividades estrela serán a excursión de tres días (17 a 19 de xullo) que se vai realizar a Mondariz, ou o intercambio de convivencia que se fará co Atlético Novas o 9 de xullo e no que as persoas participantes terán a oportunidade de competir ademais de coñecer a Ruta dos Muíños do Folón e do Picón.

O equipo técnico estará dirixido por Irene Vilaboa, e os encargados de levar a cabo as diversas actividades serán Rosa Vilaboa, Abel Diz, Brais López, Martín Piñeiro, Carlos Martínez, José López e Emilio Pintos, quen tamén estiveron presentes no acto desta mañá.

O concelleiro de deportes, Manolo Otero, animou a participar destas escolas, xa que “supoñen unha alternativa educativa para o verán, que ofrece a posibilidade de aprender e de coñecer novas amizades”, ao tempo que asegurou que serán un éxito, posto que están dirixidas por profesionais de alto nivel.