O audiovisual galego sometido a debate
- O Concello de Bueu organiza unhas xornadas sobre a lingua e a cultura cinematográfica que comezaron onte cun coloquio virtual no que participaron X. H. Rivadulla Corcón, Bea Campos, Anxos Fazáns e Alberte Mera
O Concello de Bueu arrancou este xoves coas ‘Xornadas da lingua galega e o audiovisual’, cunha mesa redonda virtual na que participaron o director e guionista X.H. Rivadulla Corcón, o xornalista e cineasta Alberte Mera, a cineasta Anxos Fazáns e a actriz Bea Campos, que dialogaron sobre a saúde do galego na cultura audiovisual. A conversa estivo moderada por Xosé Leal, concelleiro de cultura, e dividiuse en catro bloques principais: unha valoración xeral do estado do audiovisual galego, a necesidade dos contidos infantís na lingua nai, o papel do xénero documental, e as novas plataformas de visionado baixo demanda.
As persoas participantes partiron das súas experiencias e reflexionaron en clave galega sobre o pasado e o presente, e os retos que temos por diante para a normalización da lingua en todos os sectores da sociedade. Alberte Mera, que acaba de estrear o documental ‘Reboiras. Acción e corazón’, salienta que o cinema galego se atopa nun bo estado, pero tamén ten moitas barreiras e por iso “é necesario derrubar muros”. No mesmo senso interviu Anxos Fazáns, que fixo fincapé en que “queda moito que mellorar na casa, pois fóra non existen os prexuízos á hora de gozar de produtos culturais en galego”.
Pola súa banda, Bea Campos, compartiu unha experiencia que lle acontece dende que comezou no mundo audiovisual, pois “moitas persoas contactan comigo para facer colaboracións e case todas son en castelán, sen que me saiban dar razóns lóxicas polas que deba ser así”. Campos, que presenta actualmente a canle de televisión dixital Kalandraka TV, salientou que “debemos facer fincapé en que traballar en galego é unha gran oportunidade”, e que “precisamos un plan transversal e estratéxico de normalización lingüística de calidade que se achegue á primeira infancia e a todas as idades.
Rivadulla Corcón foi máis positivo, e salientou que “a saúde do audiovisual galego non pode ser mellor; o problema do idioma témolo na sociedade en xeral”. Iso si, Corcón tamén salientou a oportunidade que supoñen os novos formatos e as plataformas nas que os produtos galegos de calidade poden competir en igualdade de condicións.
O debate deu pé tamén para falar do papel da televisión pública na aposta polo audiovisual galego, co que en liñas xerais as persoas participantes foron críticas. Tal é o caso de Anxos Fazáns, que reivindicou “máis estratexia, compromiso, coordinación e vontade de cambio (política, individual e colectiva)”. Corcón concluíu que “os galegos e galegas temos unha singularidade e queremos enriquecer o mundo con ela”.
A conversa pechouna Agustín Gallego, edil de normalización lingüística, que agradeceu ás / aos participantes pola colaboración e por unha “charla amena, fermosa e produtiva”, e animou ao público a seguir estas xornadas que se estenderán ata o domingo, e que terán continuidade en vindeiros anos.
Se vos perdestes o coloquio de onte, podedes velo en diferido dende a nosa canle de Youtube.