O artista Cristóbal Gabarrón clausurou as exposicións da ‘Ruta polos Dereitos Humanos’ en Bueu
-
En diversos espazos da vila estiveron expostos un total de 239 debuxos elaborados polos nenos e nenas participantes no taller de Cristóbal Gabarrón impartido o pasado setembro
O artista internacional Cristóbal Gabarrón participou este luns no acto de clausura das exposicións da ‘Ruta polos Dereitos Humanos’ que se celebrou na Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa de Bueu e no que tamén estiveron presentes Xosé Leal, concelleiro e deputado de cultura, Carmen Santos, representante da Asociación Veciñal da Banda do Río, Marc Taeger, ilustrador local, e as concelleiras Macu Rodríguez, encargada de mocidade e infancia, e Teresa López, de ensino e sanidade.
Leal salientou que “foi un traballo complexo, que serviu de aprendizaxe e tras o que a asociación medrou”, ademais de que “grazas a Gabarrón os rapaces e rapazas bueueses son protagonistas no mapa dos dereitos humanos”. A mostra permitiu que ao longo destas últimas semanas uns 239 debuxos elaborados por nenos e nenas de entre 4 e 14 anos estiveran expostos en lugares públicos, a fin de fomentar a reflexión da cidadanía xustamente cando se conmemoran os setenta anos da Declaración Universal de Dereitos Humanos.
Gabarrón mostrouse “moi satisfeito e enganchado a todo o traballo feito en Bueu, xa que se demostra que a xente que se une chega a calquera sitio”. E máis cando os debuxos expostos foron realizados durante o taller impartido polo artista o 29 de setembro xunto ao Estaleiro da Banda do Río. Así, na Sala Domínguez Búa estiveron un total de 32 debuxos sobre persoeiros relacionados cos dereitos (17), lemas e achegas aos dereitos humanos (9), e dereito de asociación (6); no salón de plenos da Casa Consistorial, os 12 debuxos versaron sobre o dereito á liberdade; na Praza de Abastos, os 35 debuxos reflexionaron sobre a igualdade; na entrada do Centro Social do Mar puideron verse 32 debuxos que tratan sobre o dereito á vivenda (19) e o dereito á libre circulación (13); no Museo Massó dispuxeron de 11 debuxos sobre o dereito ao asilo /as guerras; no Estaleiro da Banda do Río estiveron dispoñibles 38 debuxos sobre o dereito ao traballo (10) e a natureza (28); o Centro de Saúde, contou con 10 debuxos sobre o dereito á sanidade; e por último, os centros educativos tiveron debuxos sobre o dereito ao ensino, ao ocio e á familia. Concretamente, o CEIP A Pedra e o CPR Virxe Milagrosa expuxeron vinte debuxos, e o CEIP Montemogos de Beluso e CEIP A Torre de Cela, quince.
Esta actividade organizouse de xeito conxunto pola Asociación Veciñal da Banda do Río, a Fundación Cristóbal Gabarrón, o Concello de Bueu e a Deputación de Pontevedra.