Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O artista bueués Ramiro Agulla presenta a exposición ‘Folerpas de papel caen devagar sobre fachos prendidos’

A Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa convértese este mes de marzo nunha performance artística a través da mostra ‘Folerpas de papel caen devagar sobre fachos prendidos’, na que se recolle un dos últimos traballos de escultura do bueués Ramiro Agulla Menduíña. A exposición traza, a través da arte conceptual, unha reflexión sobre a desinformación e a soidade humana e concíbese como un ente vivo ao que se van incorporando diariamente elementos.

Segundo explica o artista, “do que se trata é de que cada persoa entre na mostra e interprete o que se conta nela”. A exposición naceu hai moito tempo, e ensambla varios elementos (as esculturas, os recortes de prensa, os bloques de cemento, a luz… ) para crear un microclima co que promover a reflexión entre os visitantes arredor do tempo actual.

Precisamente, este luns pola mañá, Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de cultura, puideron gozar da exposición que consideran “moi potente e necesaria para os tempos que vivimos”.

As persoas que queiran visitar a mostra poden dirixirse ao 2º andar da Casa do Concello de Bueu de 10.00 a 13.00 horas, ou escribir ao enderezo electrónico concello@concellodebueu.gal.