O Arquivo Municipal trasládase á Biblioteca Torrente Ballester
- O traslado dos centos de caixas con documentación realizouse esta semana cara a planta baixa da biblioteca situada no Parque Ramal dos Galos
Esta semana comezou o traslado do Arquivo Municipal de Bueu á Biblioteca Municipal Torrente Ballester. Así, logo de máis de vinte anos no Centro Sociocultural de Cela, este departamento municipal estará dispoñible na planta baixa das instalacións do Parque Ramal dos Galos, no casco urbano.
Unha empresa especializada no traslado de documentación, empezou a comezos de semana a mover as máis de 5.700 caixas de expedientes e documentos sobre a historia de Bueu. Os traballos foron inspeccionados polo concelleiro Alberto Moital e polo arquiveiro municipal, Belarmino Barreiro, que destacan que “existe documentación desde a constitución do municipio no 1836 ata a actualidade, aínda que o volume de papel se reduciu considerablemente con motivo da administración electrónica vixente dende o 2016”.
O Arquivo Municipal existe dende o ano 1996 e da man do arquiveiro municipal foise ordenando toda a documentación co fin de atopala e poder servir tamén como fonte para as investigacións das persoas interesadas na historia local. O Arquivo situouse naqueles primeiros anos na planta alta da Casa Consistorial, pero xa no 2001 instalouse nun baixo situado na Avenida de Cangas onde estivo apenas ata o 2004 cando foi trasladado ao Centro Sociocultural de Cela, onde tamén se sitúa a biblioteca da parroquia. Agora, tras a mellora integral que se acometeu na Biblioteca Municipal Torrente Ballester, o Arquivo volve ao casco urbano de Bueu nunha localización máis céntrica e nun edificio que pretende ser un gran centro de coñecemento.
Os arquivadores (coñecidos como A-Z) colocáronse nas estanterías retráctiles e móbiles que se adquiriron a empresa José Manuel Silva Carregal cun importe de 34.400 € e coas que se facilitarán as diferentes tarefas tanto de xestión como de localización de información de forma máis doada.