O alumnado foi o protagonista dos actos do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero do Concello de Bueu
-
Ás 11.45 h celebrouse unha concentración silenciosa , seguida da declaración conmemorativa e acto de entrega agasallos ao alumnado premiado no XVI Concurso de Carteis
-
O alcalde destacou a grande acollida da campaña “En negro contra as violencias machistas”, na que participan máis de 150 establecementos da vila
O alumnado dos centros educativos de Bueu foi o protagonista dos actos organizados polo Concello para conmemorar o Día Internacional da Non Violencia Contra As Mulleres. Tras a lectura dun manifesto por parte da concelleira de igualdade, Ana Isabel Otero, tivo lugar unha concentración silenciosa en repulsa contra as violencias machistas, cunha lembranza especial ás corenta e tres mulleres asasinadas en España no que vai de ano. Un dos momentos máis especiais foi a declaración conmemorativa, realizada polos rapaces e rapazas do CPR Virxe Milagrosa, para a que elaboraron un vídeo con adaptacións de dous contos infantís que reflexionan sobre a tiranía do físico (Guapa, de Harold Jiménez Canizales) e os roles e estereotipos (Lalo, en príncipe rosa, de Gema Otero). A continuación, o alcalde e os concelleiros/as fixeron entrega dos galardóns aos premiados/as no XVI Concurso de Carteis Contra a Violencia de Xénero, no que participaron 195 rapaces e rapazas. En concreto, Ana Adriana Mayo López, alumna de 5º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra fíxose co primeiro premio de primaria; Hugo Freire Lores, de 3º da ESO do IES Johán Carballeira levou o primeiro premio de educación secundaria, ao igual que Antía Novas Arribas, de 3º da ESO do IES Illa de Ons. Ademais, o xurado elixiu nove deseños como mencións especiais: Enara Ferradás Álvarez, de 6º de primaria do CEIP Montemogos de Beluso; Xiana Dios García, de 6º de primaria do CEIP A Torre de Cela; Eloy Alfaya Portela, de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra; Irene Méndez del Río, de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra; Daniel Moital Pastoriza, de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra; Anxo Rodríguez Juncal, de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra; Cristina Davila Otero, de 3º da ESO do CPR Virxe Milagrosa; Lucía Pérez Pereira, de 3º da ESO do CPR Virxe Milagrosa; Aitor Budiño Franco, de 3º da ESO do IES Johán Carballeira.
O alcalde pechou o acto destacando o gran traballo de concienciación e sensibilización que realiza o profesorado e o alumnado dos centros educativos, onde este ano se levaron a cabo obradoiros de novas masculinidades. Félix Juncal incidiu na necesidade de que “mantermos a mesma sensibilidade da infancia durante as diversas etapas da vida”, e lembrou que “temos aínda por diante moitos desafíos no fomento da igualdade, aumentando as partidas para que as políticas e accións poidan ser viables”.
Ademais, tamén fixo fincapé noutra das novidades dos actos deste ano, coa campaña “En negro contra as violencias machistas” na que máis de 150 establecementos vestiron durante esta semana as súas instalacións de loito como repulsa contra as violencias machistas, o que indica un compromiso social moi importante.
Nos actos estiveron presentes o alumnado e profesorado dos seis centros educativos, o alcalde, Félix Juncal, e a concelleira de igualdade, Ana Isabel Otero. Así mesmo asistiron Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, Teresa López, concelleira de educación e sanidade, Fidel Castro, encargado de obras e servizos, Manolo Otero, de deportes, José I, García, edil de facenda, José Manuel Vilas, voceiro do PSOE e Manuel Santos, voceiro do PP.
Pola tarde, ás 19.00 h, a Deputación Provincial de Pontevedra organiza na Sala Domínguez Búa unha charla a cargo de Juventina López, activista, mediadora de conflitos, guía espiritual, indíxena mam e filla dun líder comunitario que loitou pola recuperación de terras ancestrais; e Ita Xocol, de 23 anos, unha defensora dos dereitos das mulleres k’iche’ en Nahualá, en Guatemala. A iniciativa englóbase no marco do proxecto “Mulleres que mudan o mundo”, coa colaboración da Coordinadora Galega de ONGD, unha entidade formada por 46 organizacións que traballan no campo da cooperación internacional.