Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde visita xunto ao Delegado Territorial da Xunta as obras de mellora das beirarrúas do polígono

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, a concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, e o edil de cultura, Xose Leal, participaron este martes nunha visita ás obras de mellora das beirarrúas do Polígono Industrial de Castiñeiras, xunto ao Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís. Esta actuación finánciase con cargo a unha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e aos remanentes do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra; e supón o acondicionamento dos espazos deteriorados para o tránsito de peóns nun total de 2023,5 metros. A empresa adxudicataria é Construcciones E.C. Casas cun orzamento de 63.616,68 €, IVE engadido.

Segundo destacou o rexedor, «esta actuación suporá unha mellora notable para os usuarios e usuarias do parque, así como para as persoas que camiñan a diario por este espazo». Esta súmase ás que se levaron a cabo neste espazo nos últimos tempos, coa substitución de duascentas luminarias LED e a mellora da sinalización horizontal, que se completará proximamente cunha segunda actuación de renovación de sinalización vertical. Juncal salienta, pois, o compromiso do Concello coas demandas da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial e incide na importancia do polígono como motor de emprego da comarca.