O alcalde de Bueu solicita que a Xunta aclare algunhas cuestións sobre o acceso da veciñanza á Illa de Ons
- Este luns remitiuse un escrito dende a alcaldía, consensuado con todas as partes implicadas, no que se insta á Xunta a que implemente un sistema de Código QR por vivenda amais da fórmula de aplicación do bloqueo das 300 prazas do cupo xeral de visitantes, no caso de que fixese falla
O pasado venres, 29 de maio, celebrouse na Casa Consistorial de Bueu unha Xunta de Voceiros, á que asistiron os e as representantes dos grupos políticos da corporación municipal (BNG, ACB, PP, e PSOE), así como algúns membros da Asociación de Veciños e Amigos da Illa de Ons, co obxectivo de valorar os compromisos realizados pola Xunta de Galicia na reunión da semana anterior con respecto ao acceso da veciñanza á Illa de Ons. Así, aínda que na aplicación informática de reservas xa aparece un recadro específico para a veciñanza da Illa de 800 persoas, que cumpre a demanda principal, dende a alcaldía remitiuse este luns, un escrito á Directora Xeral de Patrimonio Natural na que se solicita aclaración a respecto de como se accedería ao subgrupo de 300 persoas que a maiores se bloquearía no cupo xeral de visitantes en caso de superarse o outro.
Consta escrito recibido pola Directora Xeral de Patrimonio Natural a pasada semana, no que se dá cumprimento á primeira das demandas, pero a corporación municipal bueuesa e a veciñanza consideran que é preciso confirmar que, tal e como consta no acordo asinado en setembro de 2019, se respectará ese subgrupo de 300 persoas, no caso de que fixese falla.
Así mesmo, e tal e como se falou en diversas reunións, considérase que o mellor sistema de acceso e xestión de billetes de acceso á Illa debería ser a través do establecemento dun CÓDIGO QR por vivenda, dado que é de manexo máis doado, non alteraría o número total de persoas autorizadas, e protexeríanse os datos persoais da veciñanza, a diferenza do sistema actual que é ademais moi complexo para as persoas maiores.
Dende o Concello urxen unha resposta a estas cuestións antes do 15 de xuño, data na que está programada a celebración dun pleno extraordinario no que se abordarán diversas cuestións relacionadas coa Illa de Ons.