O alcalde de Bueu reuniuse coa agrupación de taxistas para avanzar proxectos de mellora da mobilidade na vila
- Na xuntanza avanzáronse proxectos como a rede semafórica entre as rúas Pazos Fontenla e Johan Carballeira ou a habilitación de aparcadoiros disuasorios
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, edil de mobilidade, reuníronse este luns, 17 de xaneiro, coa agrupación de taxistas da vila para abordar e presentar diversos proxectos relacionados coa mellora na mobilidade e escoitar as súas inquedanzas con respecto ao funcionamento do servizo.
O rexedor convocou esta xuntanza co obxectivo de buscar solucións ante a problemática á circulación que teñen os taxistas nos días de mercado ambulante, cando a rúa Montero Ríos se corta ao tráfico rodado os luns e xoves durante toda a mañá, unha decisión que se adoptou por parte do goberno local hai dous anos con motivo das restricións da Covid-19. Iso levou a que os e as taxistas teñan algunhas dificultades para levar a cabo os seus servizos, situación que se agrava durante o verán debido á gran cantidade de persoas visitantes. O executivo estudará diversas alternativas coa Policía Local para solucionar a situación, e “contan co meu compromiso de que de cara ao verán a situación ten que mellorar, aínda que iso supoña revisar a ocupación dos postos do mercado ambulante”, salientou Juncal.
Amais deste asunto, o alcalde tamén lles avanzou algúns proxectos que serán realidade proximamente e nos que o goberno leva xa un tempo traballando, como a rede semafórica que se vai instalar entre as rúas Johan Carballeira e Pazos Fontenla, coa que se pretende racionalizar a mobilidade e regular o fluxo de circulación nunha zona de alta densidade de tráfico e nun ámbito moi reducido; a posta en marcha dalgúns aparcadoiros disuasorios que reducirán a presenza de vehículos no casco urbano; ou mesmo a posible regulación con límite de tempo dalgunhas áreas de estacionamento público da vila.
Juncal valorou moi positivamente esta reunión “pois ambas partes coincidimos en que Bueu creceu de forma moi exponencial en visitantes no verán e que iso nos esixe tomar decisións rápidas e adaptadas á realidade cambiante”, e “para nós estes novos retos e desafíos son os que nos gustan e nos motivan”.