Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu presentará ante a veciñanza de Cela a proposta de mellora da Área Recreativa de Chans

  • A reunión será este sábado, 1 de abril, ás 20 horas no Centro Sociocultural de Cela e nela explicarase a proposta técnica para a reordenación e mellora deste espazo

Félix Juncal, alcalde de Bueu, presentará este sábado, 1 de abril, a proposta para a mellora da Área Recreativa de Chans, unha xuntanza que terá lugar ás 20 horas no Centro Sociocultural de Cela e á que se convida a asistir a toda a veciñanza e colectivos da parroquia de Cela.

O goberno local comezou hai xa meses a elaborar un ambicioso proxecto co que busca dar un novo impulso a este espazo de gran valor ambiental, patrimonial e social. A proposta, que se abordou xa en diversas reunións coa Comunidade de Montes de Cela, supón a posta en valor ambiental e de ocio activo, e xa se contratou unha empresa especializada en medio ambiente que está traballando nunha proposta de valorización da área recreativa pero que tamén abrangue a zona do miradoiro. A idea é combinar a renaturalización da zona e os usos de ocio activo, práctica deportiva e outros servizos. Precisamente, unha das peticións que se lles realizou á empresa é a inclusión de asadeiros que puidesen utilizarse ao longo de todo o ano, xa que se detecta un gran interese social.

Este sábado presentarase a proposta ante a veciñanza da parroquia, un primeiro paso antes de que o goberno local se volva reunir novamente cos comuneiros e comuneiras, que son os titulares dos terreos, para negociar o proxecto que se podería levar a cabo neste espazo natural. Segundo avanza o alcalde, “non se vai tomar ningunha decisión sen o respaldo da comunidade de montes, que é a propietaria dos terreos”.

O Concello de Bueu asumiu no verán de 2021 unha serie de actuacións de urxencia nesta área recreativa, ante o anuncio da Comunidade de Montes de Cela a rescindir o convenio co consistorio polo que consideraban un estado de abandono deste espazo. Así, naquel momento xa se acometeu a roza de toda a contorna e procedeuse á retirada de diferentes elementos e entullos, tarefas que non se levaran a cabo antes debido á pandemia. E xa a partir dese momento contratouse á empresa especializada da que mañá se presentará a proposta técnica para a reordenación e mellora do ámbito da Área Recreativa de Chans.