Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu presenta o proxecto da Rede Ágora para o centro de Beluso

  • Félix Juncal manterá este venres unha reunión coa veciñanza do lugar, que se celebrará ás 19 horas na Casa do Pobo
  • A actuación que se levará a cabo prevé a reurbanización do centro de Beluso, adaptado a criterios de mobilidade e accesibilidade amable que xa están aplicando noutros lugares

O Concello de Bueu leva meses traballando na reurbanización do centro da parroquia de Beluso, unha proposta que se incluirá nos proxectos das subvencións da Rede Ágora e sobre cuxos detalles o goberno local informará este venres, 27 de xaneiro, nunha reunión coa veciñanza e os colectivos da parroquia prevista para as sete da tarde na Casa do Pobo.

Despois da sinatura a finais do pasado ano do convenio urbanístico coa familia Davila, o Concello xa dispón oficialmente da parcela que se vén utilizando dende hai tempo como aparcadoiro público, e que será o eixe sobre a que pivotará a maior parte da renovación do novo Beluso. A partir de aí, o goberno presentará un proxecto que aposta pola mobilidade amable e adaptada ás esixencias dos espazos do presente e do futuro. Precisamente, o que se pretende é ordenar o acceso ás dotacións comunitarias, ademais de zonas verdes, fomentando a accesibilidade peonil para dotar o centro de Beluso cunha nova imaxe, máis actual e na que se potencie un casco urbano no que conflúen equipamentos sociais como a Casa do Pobo ou o Pavillón de Beluso, amais de abondosos establecementos comerciais.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, destacan que “estamos nunha etapa moi ilusionante, asentando as bases deste lugar, no que se reordenarán os espazos e se potenciará a actividade comercial da zona, amais de consolidar este casco urbano e revalorizar as relacións humanas”.

O proxecto, que se incluirá na convocatoria de subvencións para a redacción de proxectos ou execucion de obras de mobilidade amable e recuperación de espazos públicos dos concellos da Rede Ágora da Deputación de Pontevedra, pretende crear unha gran praza pública e comunitaria na zona do aparcadoiro e a Casa do Pobo, no que se fomente o tránsito peonil, pero tamén se aproveitará para avanzar na mellora das comunicacións. De feito, e como complemento a esta actuación, está prevista a apertura dun novo vial de conexión entre as estradas EP-1301 e PO-315, para o que xa se solicitou á Deputación a transferencia da titularidade da estrada provincial.

Esta iniciativa insírese no marco das políticas que se están aplicando hoxe en día a nivel global, co obxectivo de adaptarse ás novas realidades que demandan unha mobilidade amable, para o uso e goce dos espazos por parte da cidadanía, e que camiñan na liña do que se fixo na rúa A Pedra, ou a que se levará a cabo no barrio da Canceliña. A través destas propostas, Bueu afiánzase coma un municipio punteiro en aplicar estratexias globais que actúan no local, e que melloran a vida da cidadanía.