Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu participa no acto polos vinte anos do Parque Nacional en Ons e reivindica os dereitos históricos da veciñanza

  • Félix Juncal destacou que “é perfectamente conciliable que a illa forme parte do parque nacional, pero aquí unha peza moi importante é a veciñanza, e queremos reivindicar novamente o dereito á propiedade das súas casas”

“A illa de Ons é un sentimento, e por iso pido respecto pola veciñanza deste lugar, que habitaron este espazo dende tempos inmemoriais, que fixeron que hoxe a illa chegase a nós”. Estas foron as palabras coas que Félix Juncal, alcalde de Bueu, quixo intervir no acto organizado na illa de Ons pola Xunta de Galicia e co que se celebraron os vinte anos do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. O rexedor alegou que “é perfectamente conciliable que a illa forme parte do parque nacional, que debemos coidar entre todos e todas, pero aquí unha peza moi importante son tamén as persoas, e queremos reivindicar novamente o dereito á propiedade das súas casas, e tamén a que se poida aprobar unha carta de veciñanza, como xa propuxemos dende o Concello de Bueu hai uns anos”. Juncal confía, pois, “na lealdade institucional entre as dúas administracións (Xunta e Concello) para solucionar estas cuestións aínda pendentes”.

Previamente, Félix Juncal participou no percorrido organizado para a ocasión, e no que as autoridades asistentes, puideron coñecer de preto este espazo, así como a súa natureza e as diversas iniciativas que se levaron a cabo nos últimos tempos. A visita, na que estiveron presentes Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, José Antonio Fernández, director – conservador do Parque Nacional, Xosé Leal, concelleiro de medio ambiente de Bueu, Elena Estévez, voceira do PP de Bueu, e Adolfo Fernández, investigador da Universidade de Vigo, e José López ‘Josecho’, párroco da vila, comezou en torno ás once e media da mañá cunha visita ata a escavación arqueolóxica de Castro de Castelo dos Mouros, onde Adolfo Fernández, investigador do Grupo de Estudo de Arqueoloxía da Universidade de Vigo, realizou unha explicación técnica na que falou da importancia destes estudos, que permiten datar que xa na época romana neste castro poderían habitar ata un millar de persoas.

A continuación, continuou o percorrido a pé ata a praia de Canexol, onde se atopaban arredor de sesenta rapaces e rapazas que participan no campamento de verán organizado pola Xunta de Galicia. Alí, tanto Rueda como Juncal tiveron ocasión de conversar con varios participantes, antes de emprender o camiño cara ao remate no Centro de Visitantes, onde realizaron unha visita breve polo seu interior e puideron coñecer a dorna recentemente restaurada.

Ao final, na quenda de intervencións, a conselleira destacou que “este é o noso único parque nacional e temos a obriga de conservalo, porque non hai nada mellor que coñecer os lugares que admiramos”. Na mesma liña interveu Rueda, quen adiantou que “dende a Xunta de Galicia investiremos seis millóns de euros para seguir mellorando os camiños, solucionar a depuración e promover a eficiencia enerxética”.

Ao remate do acto, o alcalde de Bueu quixo agasallar ás autoridades asistentes cun exemplar do libro – guía “Bueu naturalmente”, da autoría de J. Gaspar Bernárdez, Uxía Garcés e Antonio Rigueiro, e que foi editado recentemente polo Concello.