Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu participa na inauguración da biblioteca do CEIP A Pedra

  • A “Bibliocastelo” forma parte do Plan Lía de Bibliotecas Escolares, e confórmase coma un espazo transversal na liña de educación do centro

“As bibliotecas son un espazo de interacción, nos que compartir e explorar a creatividade”. Estas foron as palabras do alcalde de Bueu, Félix Juncal, durante o acto de inauguración da biblioteca escolar do CEIP Plurilingüe A Pedra, no que tamén estiveron presentes a concelleira de educación, Teresa López, a conselleira de educación, Carmen Pomar, a inspectora de educación, Mª Adoración de la Fuente, o xefe territorial de educación, César Pérez, así como persoal docente dos centros educativos da vila e representantes das ANPAS.

A visita escolar estivo guiada por un grupo de alumnas e alumnos que se encargaron de presentar as diferentes dependencias nas que se divide a biblioteca, que está ideada coma un proxecto multidisciplinar. Segundo salientou a directora do centro, Luísa Vidal, “comezamos no 2004 e xa nunca máis paramos de voar”, realizando cursos de formación e inseríndose en moitas iniciativas. De aí naceu Papirus, a mascota da biblioteca, un polbo moi lector que é axudado pola rapazada e mediante o que se traballa a parte máis emocional deste espazo, bautizado como “Bibliocastelo”.

A biblioteca forma parte do Plan Lía de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura e Educación, e confórmase coma un lugar “transversal”, tal e como lembrou Carmen Pomar. Nela hai espazos para explorar a parte máis creativa e artística, así como para a interpretación e os recitais poéticos, para a mellora de destrezas e habilidades tecnolóxicas, científicas e matemáticas, e tamén como se erixe coma un centro de aprendizaxe, investigación e experimentación.

Blog da biblioteca: http://bibliocasteloapedra.blogspot.com/