O alcalde de Bueu mantivo unha reunión coa Consellería de Sanidade para valorar a evolución da Covid-19
- O xerente da EOXI Pontevedra Salnés trasladou que posiblemente xa se pasara o pico de casos positivos, e que se vai comezar cun cribado por sectores da poboación
Félix Juncal, alcalde de Bueu, mantivo este mércores, 23 de decembro, unha reunión telemática con responsables da Consellería de Sanidade na que se valorou a evolución epidemiolóxica da Covid-19, despois de que se comunicase hai unha semana que o concello se atopa en nivel de alerta máxima. Na xuntanza, na que tamén estiveron os alcaldes e alcaldesas dos municipios de Pontevedra, Poio, Marín, Soutomaior, Pontecaldelas, Vilaboa, e Cerdedo – Cotobade, o xerente da EOXI Pontevedra – Salnés salientou que a día de hoxe son 74 os casos positivos, e que se está valorando comezar cun cribado por sectores de poboación, que a Xunta concretará e detallará nos próximos días.
O xerente trasladoulle ao alcalde que posiblemente Bueu xa superase o pico máis alto de persoas positivas, tras o descenso e estabilización de casos activos nos últimos días. Neste sentido, Juncal salienta que “é imprescindible seguir sendo prudentes e pacientes, cumprir con todas as recomendacións e obrigas, e ter en conta que a situación non cambia dun día para outro”, polo que apelou de novo “a ser perseverantes no esforzo individual e colectivo”.
Bueu continúa, pois, en alerta máxima, o que supón que as xuntanzas de grupos en espazos públicos ou privados será de catro persoas, agás no caso de convivintes en que non se aplicará esta limitación. Ademais, os establecementos de hostalaría e restauración teñen prohibido o consumo no interior, e tan só se permitirán as terrazas ao 50 %, cun horario de peche ás 17.00 h.
O Comité Clínico da Xunta de Galicia reunirase de novo a semana que vén, tras o que se convocará de novo aos concellos con restricións para valorar a situación epidemiolóxica.
‘Plan de Nadal’ da Xunta de Galicia
A Xunta de Galicia aprobou un ‘Plan Nadal’, cuxas medidas se poden consultar no DOG nº256 bis. Así, entre este mércores, 23 de decembro de 2020 ás 00.00 horas, e o día 7 de xaneiro de 2021 ás 00.00 horas, establécese unha limitación de entrada e saída na Comunidade Autónoma de Galicia, salvo para aqueles desprazamentos adecuadamente xustificados.
Así mesmo, entre o día 23 de decembro ás 00.00 horas e o día 25 de decembro ás 23.00 horas quedan exceptuados das limitacións de entrada e saída aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados que se produzan a territorios que sexan lugar de residencia habitual de familiares de quen se desprace.
Para os encontros familiares de ceas e comidas nos días 24 e 25 de decembro, a Xunta establece unha serie de medidas. Así, recoméndase que os encontros familiares se limiten á unidade de convivencia; no caso de que os encontros familiares se produzan entre persoas de dúas unidades de convivencia, estarán suxeitos á limitación de que non superen o máximo de dez persoas. Para a xuntanza entre máis de dúas unidades de convivencia diferentes estarán suxeitas á limitación de que non superen o número máximo de seis persoas. Dentro deste número máximo de seis persoas non computarán
os nenos e nenas menores de dez anos.
As medidas especiais aplicables para o período comprendido entre o día 30 de decembro e o 6 de xaneiro serán establecidas á vista da evolución da situación epidemiolóxica.