Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu levará o tema do cupo de Ons ao vindeiro pleno

  • O goberno local convocou unha nova reunión coa veciñanza, que terá lugar o 3 de maio ás 18.30 h no Centro Social do Mar

A problemática sobre o cupo de Ons e a necesidade de que del quede excluída a veciñanza será un dos asuntos a tratar na próxima sesión plenaria do 6 de maio, última da presente corporación. Así se acordou este luns na xuntanza mantida entre o goberno local bueués e os veciños e veciñas da Illa, na que mostraron a súa unidade para reivindicar “o noso acceso á Illa con total liberdade e sen restriccións”.

Por iso, e tras un debate no que se escoitaron as diversas propostas, Félix Juncal, alcalde da vila, transmitiu que o seguinte paso será consensuar unha declaración institucional co resto de voceiros dos grupos da corporación e coa propia cidadanía da Illa, a cal debe facerse con premura dado que o 15 de maio o cupo entraría de novo en vigor.

Ante a preocupación da veciñanza, o consistorio decidiu convocar estas reunións, da que a terceira se celebrará o vindeiro 3 de maio, ás 18.30 h, no Centro Social do Mar. No encontro de onte tamén estiveron presentes @s edís Ana Isabel Otero, María José Pérez e Adrián Ferrer, quen defenderon que “o que deberían facer desde a Dirección Xeral é convocar mesas de traballo coa veciñanza e non impoñernos criterios”.

O alcalde explicou aos/ás asistentes que a pasada semana se remitiu un escrito a Ana Belén Do Campo, Directora Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, no que solicitaba que se reconsidere a decisión de aplicar as restricións do cupo de visitantes ás familias de Ons e ao seu entorno, e da que aínda non se obtivo resposta oficial.