Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu e presidente da Mancomunidade mantivo unha reunión co presidente de Sogama

  • Este xoves tamén se reuniu a Xunta de Goberno da Mandomunidade na planta de tratamento de residuos

Félix Juncal, alcalde de Bueu e presidente actual da Mancomunidade de Concellos do Morrazo, mantivo esta semana unha reunión telemática con Javier Domínguez Lino, presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA) na que se trataron diversos temas. Un destes asuntos foi o tratamento da fracción orgánica na Planta de Compostaxe do Morrazo, que ten unha cantidade máxima anual de 2.341 toneladas por ano. Na mesa puxéronse dúas posibilidades de tratamento; ou ben enviar á Planta de Transferencia de O Porriño, ou habilitar un punto de transferencia na planta do Morrazo para a materia orgánica, mediante a instalación dunha tremoia.

Juncal tamén trasladou a petición para a bonificación da planta de transferencia da Mancomunidade de Concellos do Morrazo. O presidente de SOGAMA comprometeuse a remitir ao ente supramunicipal a principios de abril un borrador do convenio. Estará en vigor os próximos catro anos e regulará o transvase de aproximadamente 24.000 toneladas anuais procedentes da planta do Morrazo, que atende os concellos de Cangas, Bueu e Moaña. Este borrador pasará pola asesoría xurídica e finalmente polo Consello da Xunta de Galicia, que deberá ser quen o aprobe. Nel recolleranse melloras como a bonificación por ter unha planta de transferencia propia (bonificación 4,75 euros/tm).

Por outra banda, este xoves tivo lugar na planta a Xunta de Goberno da Mancomunidade, na que se aprobou a revisión dos prezos ao contratista Urbaser SAU no 85% do IPC xeral no período comprendido entre o 1 de maio de 2018 ao 30 de outubro de 2021, ademais do pagamento polos custes reais do contrato debendo a Mancomunidade comprobar os ingresos e custes repercutidos. Tamén se aprobou a factura correspondente ao subministro de vinte e un contedores, e o compromiso de achega ao financiamento do Plan de Sostibilidade Turística do Morrazo.