O alcalde de Bueu e a presidenta da Deputación de Pontevedra asinan o convenio para a reforma da Biblioteca Torrente Ballester
- O acto oficial de sinatura do convenio do Plan ReacPon tivo lugar este martes na sede do organismo provincial
- A actuación, cun orzamento de 919.559 euros, consistirá na transformación deste espazo tanto a nivel arquitectónico como de usos e servizos
O Concello de Bueu agarda culminar o próximo ano a que será a reforma máis potente da Biblioteca Municipal Torrente Ballester, que se levará a cabo no marco das subvencións do Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra. Precisamente este martes Félix Juncal, alcalde da vila bueuesa, asistiu ao acto de sinatura oficial que tivo lugar na sede do organismo provincial da man da súa presidenta, Carmela Silva, e do vicepresidente, César Mosquera.
A actuación, valorada en 919.559 euros, vaise levar a cabo cunha subvención do Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra, cun importe de 687.419 euros, o que supón máis do 80 % para unhas obras que deberán estar concluídas antes de abril do 2023. Esta ambiciosa obra suporá melloras tanto a nivel arquitectónico como de conceptos. O proxecto adaptarase ás esixencias dunha biblioteca do século XXI nos seus usos e servizos, buscando resolver ademais as problemáticas detectadas a nivel estrutural do edificio, cunha especial atención á mellora da accesibilidade e seguridade de todas as persoas, e á eficiencia enerxética.
Durante o acto, Juncal salientou que “hoxe simbolizamos a fin dun proxecto moi complexo de meses e mesmo anos, e cuxa execución vai ser posible grazas a unha Deputación que cre na cogobernanza e nos soños dos concellos”. Pola súa banda, Carmela Silva destacou que “encántanos este proxecto porque cremos nos espazos culturais e o concello dálles a importancia que merecen, ao tempo que garantimos dereitos e servizos con sostibilidade e eficiencia e fomentamos o encontro social”.
A intervención servirá para ampliar o edificio actual, situado no corazón do Parque Ramal dos Galos, engadindo unha planta adicional de 360 metros cadrados de superficie, que ademais permitirá trasladar o Arquivo Municipal, actualmente localizado en Cela, ao centro bueués. O proxecto prevé que a planta baixa manteña as dependencias da biblioteca, que se ampliarían con sala de estudos, de informática e polivalentes. Trátase, pois, dunha reforma profunda nun edificio de máis de trinta anos e que servirá tamén para resolver os problemas de mobilidade entre as diferentes plantas, ao incluír o proxecto a dotación dun ascensor.
A biblioteca erixirase coma un gran centro de coñecemento con varios espazos: de aprendizaxe e descubrimento (formación, auto aprendizaxe, adquisición de competencias dixitais…), inspirador (acceso á cultura, mediateca, literatura ou divulgación científica), de reunión e encontro (conferencias, charlas e zonas de lecer), e de creación (obradoiros, formación e outros cursos). Segundo salienta o rexedor “queremos que a biblioteca sexa un motor que siga dinamizando a nosa vida cultural”.