Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu convoca á veciñanza do Enleito para presentar o proxecto de urbanización da contorna da Casa da Música

  • O rexedor e outros membros do equipo de goberno manterán este martes unha reunión coa cidadanía do lugar, que se celebrará ás 20 horas na Casa da Música Manuel Omil

Félix Juncal, alcalde de Bueu, manterá unha reunión coa veciñanza do Enleito este martes, 31 de xaneiro, a partir das 20.00 horas na Casa da Música Manuel Omil. A xuntanza, á que están convocados veciños e veciñas e colectivos da zona, servirá para presentar o proxecto de urbanización da contorna da Casa da Música. Esta actuación consistirá na humanización da Praza do Enleito, así como da contorna inmediata da Casa da Música, cunha superficie aproximada de actuación de 1.315,15 m2 . Tal e como consta no proxecto técnico, para levar a cabo a renovación completa da contorna levantarase toda a pavimentación, e aproveitarase para acometer a renovación e modificación das redes de iluminación e saneamento de pluviais. Entre as principais novidades que se prevén están que o acceso rodado será nun único sentido de circulación, habilitando zonas de aparcadoiro.  Ademais, a sección do espazo será unha plataforma única, é dicir, o espazo peonil e o espazo vehicular estarán ao mesmo nivel, co obxectivo de fomentar a mobilidade e a accesibilidade da veciñanza e das persoas usuarias da Casa da Música. Os novos muros de contención de terras permitirán ampliar a superficie destinada á Praza, como espazo público de calidade e co que se poñerán en valor os elementos catalogados, como a fonte e o cruceiro.

O orzamento ascende a 237.828,13 €, IVE engadido, e o goberno incluirá este proxecto nas subvencións do Plan Concellos 2023 da Deputación Provincial de Pontevedra. Os veciños e veciñas que queiran coñecer máis detalles poderán achegarse este martes á reunión prevista na Casa da Música.