O alcalde de Bueu asiste á Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación
Félix Juncal, alcalde de Bueu, participou este martes na Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que se celebrou na sede da FEGAMP, en Santiago de Compostela, e na que se presentou o Plan de Actividades para o ano en curso, logo de recoller as achegas realizadas polo persoal técnico nas xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria. Trátase da primeira xuntanza na que participa o rexedor, logo de que a corporación de Bueu acordase a adhesión ao Fondo a finais do ano 2018.
O Plan de Actividades 2019 contempla catro áreas: fortalecemento da asociación, sensibilización da veciñanza fronte as desigualdades, proxectos de cooperación internacional e comunicación. Deste xeito, está previsto continuar captando novas administracións socias, fomentar a colaboración cos países lusófonos e reeditar o programa de voluntariado internacional e cooperación técnica Vacacións con Traballo, na súa dobre vertente.
Desde o Fondo Galego seguirán ofertando actividades de educación para o desenvolvemento, como espectáculos musicais e teatrais, algúns deles novidades deste ano. Tamén contarán coas exposicións sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e sobre as persoas refuxiadas, canda novas mostras arredor dos dereitos humanos en Mozambique ou das mulleres en Guinea Bissau.
En canto á cooperación internacional, pecharanse as dúas iniciativas impulsadas en Mozambique, unha para previr doenzas e adiccións na mocidade a través do deporte e outra para garantir o abastecemento de auga nun municipio rural. Está previsto asemade iniciar novos proxectos con municipios da África lusófona, amais de reservar unha partida para axudas de emerxencia.
Alén da presentación do Plan de Actividades e do orzamento para 2019, tamén se tratou o balance do ano anterior, a ratificación das altas das novas administracións locais socias do Fondo Galego e o inicio do proceso para conseguir a Declaración de Utilidade Pública para a asociación de concellos e deputacións.