Novo punto de xestión administrativa e cribado itinerante por Covid-19 en Bueu
A cidadanía de Bueu poderá participar na realización de test de antíxenos, que se realizarán nun posto itinerante que o Sergas instalará o próximo 7 de agosto nas instalacións da piscina municipal das Lagoas, entre as 9.00 e as 21.00 horas. Así llo trasladou o xerente da área sanitaria Pontevedra – Salnés ao alcalde a semana pasada.
Esta iniciativa preventiva está aberta a toda a poboación, sen límite de idade, e ten como obxectivo alcanzar un maior nivel de detección de casos de COVID-19. Os cribados con test de antíxenos realizaranse priorizando a autocita, pero tamén asumindo poboación sen cita previa.
Por outra banda, tamén se habilitou esta semana un punto de xestión administrativa no 2º andar do Centro Social do Mar, que estará dispoñible de luns a sábado para labores administrativos relacionados coa COVID-19, como pode ser a impresión do certificado de proba diagnóstica negativa, vacinación ou enfermidade pasada; activación da ‘chave 365’; ou tramitación dunha alta rápida no sistema para persoas con residencia fóra de Galicia. O horario é de luns a venres de 10 a 14 e de 16 a 19.30 h; e os sábados, de 9 a 15 horas.