Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Mocidade de Xuntos Down Pontevedra prepara unha curta de terror da man do FICBUEU

Un grupo de mozas e mozos do colectivo pontevedrés Xuntos, que atende a persoas con Síndrome de Down, está a preparar unha curtametraxe de terror no marco do obradoiro cinematográfico impartido pola Asociación FICBUEU, dentro da súa Área Social apoiada pola Obra Social ”la Caixa”. A actividade deu comezo neste mes de marzo, no que vimos de conmemorar o Día Mundial desta síndrome, e prolongarase ata xuño, cada xoves de 10 a 13 horas na sede da entidade.

Dez usuarias e usuarios do Programa de Vida Adulta e Independente da asociación Xuntos Down Pontevedra, asisten ás aulas semanais para coñecer todos os procesos necesarios para producir a película que logo rodarán. A obra resultante estrearase en setembro no 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu canda os traballos finais dos demais obradoiros, de xeito que as e os participantes poderán amosarlle ao público o seu labor.

A actividade busca promover a autonomía e desenvolvemento persoal da mocidade con Síndrome de Down. Deste xeito, preténdese que experimenten, colaboren e dean renda solta á súa imaxinación, estimulando a creatividade artística. Ao tempo, promóvense as habilidades psicomotrices, sociais e de comunicación, dado que as tarefas envolven aspectos cognitivos, corporais, emocionais e sensitivos. Ademais, contribúese a visibilizar o potencial das persoas con discapacidade intelectual e a normalizar a convivencia e a tolerancia.

Promover unha inclusión social activa dos colectivos máis desfavorecidos é precisamente o obxectivo da Área Social do FICBUEU, que na actualidade conta con seis liñas de actuación. Dunha banda, os obradoiros de cine para as asociacións de persoas xitanas, Síndrome de Down e discapacidade intelectual. Por outra, os cinefórums con internos do Centro Penitenciario da Lama, menores hospitalizados e persoas maiores usuarias de centros de día. Contribúese así ao desenvolvemento social e cultural da contorna, fomentando valores coma o respecto, a igualdade e a solidariedade.