Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Miguel Sande gaña o XXV Premio Johan Carballeira de Poesía do Concello de Bueu

  • O xurado destaca que a obra “Brinde e desespero” aposta pola prosa poética, e parte da autoficción para presentarnos unha lectura sobre o cotián dende o ángulo máis inesperado
  • A próxima semana decidirase a proposta gañadora do certame na categoría de xornalismo

Miguel Sande resultou gañador do XXV Premio Johan Carballeira de Poesía convocado polo Concello de Bueu co poemario “Brinde e desespero”, que salientou de entre as cincuenta e sete obras presentadas. O xurado, que se reuniu este luns, 25 de abril, estivo conformado polo profesor e crítico literario Manuel Forcadela, a poeta e gañadora da anterior edición, Xandra Táboas, e o xornalista, crítico e editor César Lorenzo. Na acta, o xurado destacou que poemario aposta pola prosa poética, e parte da autoficción para presentarnos unha lectura sobre o cotián dende o ángulo do inesperado. A obra rompe con éxito a tensión entre pensamento e sentimento, e nel a realidade do cotián fala por si mesma, cunha expresión formal contida.

O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas. Amais, o poemario publicarase o próximo ano na colección de poesía da editorial Xerais.

Residente en Viveiro, Miguel Sande é xornalista, novelista e poeta, e precisamente este poemario continúa, segundo el mesmo confesa, coa liña estilística e temática iniciada con Os filósofos xa non brindan con cicuta, Premio de Poesía Afundación 2019. No eido da narrativa, Sande fíxose no 2006 co I Premio Narrativa Breve Repsol pola novela Se algún día esta muller morta, e no 2016, co García Barros por A candidata. Tamén ten na súa biografía creacións teatrais e ensaísticas, e ten participado en obras colectivas como Alma de beiramar, Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra, ou 150 Cantares para Rosalía de Castro.

O Premio Johan Carballeira de Poesía ten premiados poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Emma Pedreira, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Lucía Novas, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey, Marcos Abalde …

Amais, dentro dunha semana, concretamente o 3 de maio, reunirase o xurado que decidirá a proposta gañadora da categoría de xornalismo.