María López Correa recolle o premio do IX Certame de Relatos de Muller Matilde Bares

  • O relato “As fillas da Manola” realza a importancia da creación dunha rede de apoio entre as mulleres

  • A premiada salientou que a historia nace coa finalidade de “resaltar a forza e a valentía das mulleres que temos ao noso lado día a día”

A viguesa María López Correa recibiu este venres o premio do IX Certame de Relatos de Muller Matilde Bares, que gañou co seu relato “As fillas da Manola”, no que conta catro historias de diferentes mulleres emparentadas entre si, unidas pola soidade ante os atrancos das súas vidas, e a través das que se realza a importancia da creación dunha rede de apoio entre as mulleres. No acto, celebrado no salón de plenos da Casa Consistorial, López Correa salientou que o relato naceu coa finalidade de “resaltar a forza e a valentía das mulleres que temos ao noso lado día a día e que moitas veces conviven coa soidade”.

A concelleira de igualdade, Ana Isabel Otero, reivindicou a importancia deste certame como mecanismo de “visibilización da igualdade”. Na mesma liña interviu o alcalde, Félix Juncal, quen destacou que “é necesario que sigamos loitando pola igualdade, e máis nestes tempos cando parece que se volve atrás”.

Este certame, dotado con 1.500 €, iniciouse no 2005 coma unha homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida na vila que ademais foi promotora de actividades culturais e grupos de teatro. Ademais, o concurso busca promover a reflexión e o debate arredor da igualdade entre homes e mulleres e da necesidade doutros relatos que reivindiquen novas formas de escribir a historia. O xurado desta edición estivo composto por Marta Currás, María del Carmen Caramés e Carlos Freire, os tres con experiencia no panorama literario, e actuando como secretaria a directora do CIM, Montserrat González.

No acto deste venres estiveron presentes familiares e amizades da premiada, concelleiros e concelleiras da corporación municipal e a directora do CIM.