José Solla na mirada eterna de Camilo Camaño Xestido
- O artista Camilo Camaño doa dous debuxos inspirados no pintor falecido o ano pasado e cunha estreita vinculación a Bueu
- O alcalde e o concelleiro de cultura agradecen este xesto de xenerosidade e lembran a Solla coma “unha persoa sinxela, humilde e xenerosa que nunca abandonou a ilusión polo que lle gustaba”
O artista cangués Camilo Camaño Xestido fixo entrega este venres de dous debuxos orixinais da súa autoría inspirados no pintor José Solla, que faleceu o pasado ano. O acto tivo lugar xunto á escultura ‘Inés-Palmira’, que se atopa na Praza Massó de Bueu e coa que Solla agasallara ao pobo que o acolleu con tanto cariño.
Camaño Xestido entregou un dos debuxos ao Concello de Bueu, que lucirá nalgún dos edificios públicos, e con outro a Dolores Solla, sobriña do artista e que o compartirá coa familia residente en Mar da Plata. Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de cultura, agradeceron o xesto de xenerosidade de Camaño Xestido, “unha persoa que sempre colabora con nós e coa que compartimos moitos proxectos, e tamén ese cariño especial por Solla, que era unha persoa sinxela, humilde e xenerosa que nunca abandonou a ilusión polo que lle gustaba”.
Solla, que nos deixaba o pasado mes de setembro, foi un recoñecido artista que sempre levaba o nome de Bueu polo mundo, tanto no corazón como a través da súa pintura. Precisamente, esa pegada materializouse no paseo de Agrelo – Portomaior, que o Concello de Bueu bautizou co seu nome no 2013, e a escultura ‘Inés Pamira’ que loce na Praza Massó e que foi elaborada da man da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra baseándose nos debuxos doados polo artista no 2015. Esta obra contén 500 gravados con mosaicos nos que se representan as xentes e a vida no Morrazo, e que tamén é un agradecemento ao pobo que o acolleu.
José Solla elixiu pasar a súa vida entre o municipio de Bueu e Mar da Plata, en Arxentina. Precisamente no país arxentino fundou a Galería de Arte Solla, e en Galiza realizou continuas exposicións e intervencións urbanas, sendo unha das últimas a inauguración da exposición ‘Coplas de cego’ da Deputación de Pontevedra.