Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

‘Jeux d’enfants’ elixida a mellor proposta da Ruta das Tapas Cinco Estrelas

  • A tapa elaborada polos fundadores do local Volver faise co premio tanto por parte do xurado profesional como o do público

  • Así mesmo, Elisa Sánchez Ríos resultou elixida no sorteo dunha cea para dúas persoas nun dos locais participantes

Jeux d’enfants’, a tapa elaborada polo local Volver, foi elixida, tanto polo xurado profesional como polo público, como a gañadora da Ruta das Tapas Cinco Estrelas, unha iniciativa organizada por terceiro ano consecutivo entre a concellaría de promoción económica e o FICBUEU. Así o anunciou esta mañá o director do festival, Manuel Pena, quen estivo acompañado por Fidel Castro, edil de obras e servizos.

Ademais, neste acto que tivo lugar na Sala Domínguez Búa (onde se localizou o punto de encontro de diversas actividades do festival), sorteouse a cea para dúas persoas, cuxa beneficiaria é Elisa Sánchez Ríos. Este sorteo realizouse entre todas as persoas que entregaron as súas papeletas seladas polos establecementos participantes.

Na ruta deste ano, que se celebrou entre o 7 e o 16 de setembro, participaron catorce establecementos: A Centoleira propuxo “Titanic”, A Cepa “Pradolongo”, Aturuxo BOK presentou “O bosque animado”, A Esmorga “Jiro, dreams of sushi”, a Cafetería Centro Social, “Fariña”, Noite Tapas, “O mapa dos sons de Tokio”, O Pazo, “Patton”, O Ratiño Pequeno, “Death proof”, Casa Quintela, “Jurassic World”, El Reloj, “In time”, Volver, “Jeux d’ enfants”, O Farol, “Call me by your name”, Rosalinda, “Tres estaciones” e La Perfecta, “Charlie y la fábrica de chocolate”. Os petiscos tiñan un prezo de 2 euros e puideron degustarse en horario de 12 a 14 e de 20 a 22 horas.

Esta iniciativa naceu xa fai tres anos como unha fórmula para unir o cine coa gastronomía.

"Jeux d'enfants", tapa gañadora da Ruta das Tapas Cinco Estrelas 2018
«Jeux d’enfants», tapa gañadora da Ruta das Tapas Cinco Estrelas 2018