Este luns reanudáronse as obras de piscina municipal cuberta de Bueu
- O alcalde visitou as obras xunto ao concelleiro de deportes, os técnicos municipais e os responsables da propia empresa adxudicataria
As obras de construción da piscina municipal cuberta de Bueu, que estaban paralizadas desde xullo debido á xubilación do arquitecto municipal, reanudáronse este luns. Con este motivo, Félix Juncal, alcalde da vila, visitou as obras das Lagoas acompañado do concelleiro de deportes, Ricardo Verde, os técnicos municipais e os responsables da empresa adxudicataria, Obras y Servicios Gómez Crespo SL.
Durante a visita, o rexedor puido coñecer de primeira man o avance das obras, das que resta agora a instalación de todos os sistemas de climatización e a maquinaria para o funcionamento da instalación. Nas semanas previas, coa toma de posesión do novo arquitecto municipal e director facultativo da obra, estiveron solucionándose diversos asuntos de carácter administrativo e técnico. Agora quedan por diante traballos de remate do alicatado, a colocación de azulexos, instalación de fontanería e electricidade e a carpintería exterior.
O goberno local asegura que a piscina se rematará na primavera do ano 2020, polo que se cumprirían os prazos previstos no contrato e tamén os de xustificación das axudas da Deputación de Pontevedra. Así mesmo, Juncal destaca que o Concello está traballando nun proxecto de acondicionamento dos accesos e a integración da piscina coa contorna, para facilitar a utilización por parte da cidadanía que acceda a pé á mesma.
Esta obra foi adxudicada por un importe de 2.259.281 euros e conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra, a través do Plan de Reequilibrio Territorial, que achega 1,5 millóns de euros, e das anualidades do 2018 e 2019 do Plan Concellos, de tal forma que o Concello só farían fronte a menos de 50.000 euros. A instalación vai supoñer un gran incremento na saúde e na vida deportiva da cidadanía, xa que ademais do vaso da piscina (cunhas dimensións de 15 x 25), se habilitarán diversas salas polivalentes co fin de fomentar a práctica doutros deportes. Polo tanto, e como xa se ten destacado en diversas ocasións, non se trata só dunha instalación deportiva, senón que terá unha forte compoñente relacionada coa potenciación de hábitos saudables, cada vez máis presentes e demandados entre a poboación e nos que o Concello leva traballando moitos anos co programa ‘Bueu Concello Saudable’.