Dous veciños de Bueu participan esta fin de semana no Campionato de España de MMA
- Carlos Fabián Thiebaut Trucido e Alexander – Delmiro Costas Yovenko, do Clube de Loita do Morrazo, estarán nesta proba clasificatoria para as que se celebran posteriormente
Ricardo Verde, concelleiro de deportes de Bueu, recibiu este xoves na Casa Consistorial a Carlos Fabián Thiebaut Trucido e Alexander – Delmiro Costas Yovenko, quen participarán esta fin de semana no Campionato de España de MMA, que se celebrará no Palacio de Hielo de Madrid. O edil animou aos dous a “competir con ganas” neste campionato que será clasificatorio para o que terá lugar en dúas semanas.
Carlos Fabián Thiebaut é o presidente e adestrador do Clube de Loita do Morrazo e participará na proba como árbitro, mentres que Alexander – Delmiro Costas competirá na categoría senior, na que se estreará con ilusión, nomeado polo club. Precisamente, Delmiro Costas mostraba a súa emoción “porque é a primeira vez que participo e hai posibilidades”.
O MMA son as siglas en inglés de “artes marciais mixtas”, e combinan técnicas provenientes de distintas artes marciais e deportes de combate. Dende o Clube de Loita do Morrazo, con sede no Pavillón Municipal Pablo Herbello, levan anos impartindo clases de disciplinas como a loita grappling, MMA, a defensa persoal feminina, ou o karate para a cativada e persoas adultas.