Convite para os establecementos na Campaña Bueu en negro
O 17 de novembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declara a data do 25 de Novembro como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e convida a gobernos, Organizacións (non) gubernamentais e Organismos Internacionais a que desenvolvan actividades dirixidas á sensibilización da poboación respecto da situación na que viven moitas mulleres no mundo. Desde ese ano, a cifra oficial de mulleres asasinadas polas súas parellas en España alcanza as 1242. No que levamos deste ano, 43 delas perderon a vida a mans das súas (ex) parellas, tres eran da nosa Comunidade Autónoma.
Desde a concellería de Fomento de Igualdade consideramos que esta situación esixe unha resposta unánime da sociedade de rexeitamento de todas as formas de violencias machistas. Por iso, animamos aos nosos establecementos e locais a que expresen a súa solidariedade contra as violencias que se exercen contra as mulleres e sexa o comercio de Bueu o motor da implicación de todos os axentes sociais da nosa vila na conmemoración do 25 de Novembro.
BUEU EN NEGRO propón vestir de loito a nosa vila en sinal de dor por todas as vítimas mortas e as que viven e están a sufrir a violencia machista. Consideramos que vós tedes o protagonismo das rúas de Bueu e sodes o gran escaparate que pode transmitir á nosa veciñanza a mensaxe : queremos Bueu libre de violencias machistas!
Do 19 ao 25 de Novembro viste a túa tenda, comercio, empresa, bar, restaurante, postos do mercado, etc de negro. Viste os manequins, as telas de fondo, o que sexa que expoñas, ata ti mesma/o,de negro. O Concello facilitará información que compartirá a través da páxina web así como reparto de carteis para os establecementos que participen na campaña.
Esta campaña realizarase de xeito conxunto con outras 90 vilas e cidades galegas baixo o lema “En Negro contra as Violencias” co obxectivo de incluír en todas as axendas políticas o compromiso da loita contra as violencias machistas que son un grave problema público que afecta a toda a cidadanía.