Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Continúa a programación do entroido en bueu

Este venres celébrase unha festa de vascalleiros para a rapazada e pola noite un Entroido Swing // Na fin de semana as rúas da vila acollerán os desfiles do Enterriño da Sardiña e do Paxaro de Mal Agoiro

Varias décadas atrás, o Entroido en Bueu non era nada se os vascalleiros non invadían as rúas pedindo chulas, filloas ou o que cada persoa puidese dar na súa casa.
Esta tradición, que se foi perdendo co paso dos anos e coa chegada cada vez máis potente dos disfraces das grandes superficies comerciais, é a que tentan recuperar este ano a A. VV. A Morada, o grupo de pandeiretas “De Cabras” e o Concello de Bueu.
Por iso, o venres 16 de febreiro, a partir das 17.00 horas terá lugar na Carpa da Praza Massó unha festa de vascalleiros que contará coa actuación musical de sete pandereteiras do grupo infantil – xuvenil, unha serie de xogos populares, … e como non, chulas e filloas. Ademais, a rapazada que vaia co disfraz de vascalleiro poderá gozar dunha “ruta” gratuíta por varios locais bueueses que colaboran co relanzamento desta tradición onde poderán consumir chulas ou filloas: Bar Pyramis, Pili Cabaleiro, Copy.es, Mercaprecio, Nene´s, Gominolas Isa e Librería Miranda.

Máis eventos para celebrar o Entroido
Ese mesmo día, a partir das 21.00 horas, a carpa da Banda do Río acollerá un Entroido Swing, con festa temática ganster e cabaret. Comezará cunha clase aberta de Lindy Hop coa asociación Swing On e a continuación, concerto de The Alley Stompers ás 22.30 horas
Este evento está organizado polo Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra, a Asociación de Baile Swing On, a Asociación de Jazz de Bueu e a hostalaría da Banda do Río.
Pola súa banda, o Bueu Atlético Balonmán celebra ás 21.00 horas o XXXVII Festival de Comparsas no Centro Social do Mar, que terá ademais dúas novas edicións (o 23 de febreiro na Casa do Pobo de Beluso e o 24 de febreiro de novo en Bueu).
O sábado, 17 de febreiro, a partir das 16.00 horas hai un concurso gastronómico de Entroido na carpa da Banda do Río, organizado pola Asociación veciñal. Ás 20.00 horas, nese mesmo lugar, desenvolverase un pasarrúas e actuación da Asociación de Percusionistas Aperta, que se organiza entre o Concello de Bueu e a hostalaría do barrio.
En canto aos desfiles de Entroido, o sábado 17 de febreiro, sairá o do Enterriño da Sardiña, a partir das 17.00 horas polas rúas da vila dende a Praza Massó, con entrega de premios e queima no mesmo lugar. Aínda que estaba previsto para este mércores, finalmente o Comité de Entroido tomou a decisión de adialo por mor das condicións climatolóxicas.
E o Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro terá lugar o domingo 18 de febreiro, tamén ás 17.00 horas, con queima do paxaro na carpa da Banda do Río e posterior actuación das comparsas de Bueu. E pola noite, verbena de disfraces na mesma carpa ás 21.00 horas co grupo Los tres latinos.