Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Conta atrás para o remate das obras da piscina municipal cuberta en Bueu

  • O alcalde e o equipo de goberno visitaron esta mañá a instalación, na que xa se comezou coa urbanización do espazo exterior

Félix Juncal, alcalde de Bueu, Julio Villanueva, vicealcalde e concelleiro de facenda, Silvia Carballo, edil de promoción económica e turismo, e Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, visitaron este xoves pola mañá as obras de construción da piscina municipal cuberta das Lagoas que xa se atopa na recta final. Xunto ao arquitecto e director da obra, o equipo de goberno puido comprobar in situ a evolución das obras, na que queda rematar a parte interior e comezouse coa urbanización dos accesos e da praza que circundará o edificio e integrará todos os espazos exteriores.

A empresa Obras y Servicios Gómez Crespo SL é a encargada de construír esta instalación deportiva, na que xa se procedeu á colocación dos paneis solares, logo de que a semana pasada se deixaran listos os vidros sobre o muro trombe. E a próxima semana comezarán a chegar as máquinas do interior da piscina.

O alcalde avanza que nos próximos días se publicará na páxina web un formulario para que as persoas interesadas se poidan pre inscribir, co obxectivo de que o Concello dispoña dunha bases de datos que, así e todo, non suporá ningún compromiso futuro. En todo caso, desde o consistorio xa se está traballando nas que serán as tarifas a establecer para poder darse de alta cando entre en funcionamento o servizo que, seguramente, se habilitará despois do verán. Estas serán moi similares ás dos concellos da contorna.

Esta obra foi adxudicada por un importe de 2.259.281 euros e conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra, a través do Plan de Reequilibrio Territorial, que achega 1,5 millóns de euros, e das anualidades do 2018 e 2019 do Plan Concellos, de tal forma que o Concello só farían fronte a menos de 50.000 euros. A instalación suporá un gran incremento na saúde e na vida deportiva da cidadanía, xa que ademais do vaso da piscina (cunhas dimensións de 15 x 25), se habilitarán diversas salas polivalentes co fin de fomentar a práctica doutros deportes. Polo tanto, e como xa se ten destacado en diversas ocasións, non se trata só dunha instalación deportiva, senón que terá unha forte compoñente relacionada coa potenciación de hábitos saudables, cada vez máis presentes e demandados entre a poboación e nos que o Concello leva traballando moitos anos co programa ‘Bueu Concello Saudable’.

Recentemente aprobouse no pleno da corporación municipal o proxecto modificado da piscina, no se propuxo o reinvestimento da baixa do procedemento de licitación por importe de 421.250,61 €. Esta modificación responde á corrección de pequenos axustes e medicións, amais de recoller o reforzo estrutural da parte metálica, máquinas máis eficientes, e un acondicionamento óptimo da contorna co edificio.