Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Concello e Deputación de Pontevedra visitaron as obras de rexeneración da aldea de Ermelo

  • Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo,  acompañaron este xoves aos deputados provinciais Santos Héctor e Olga María García
  • A actuación acometeuse en dúas fases nas que se investiron máis de 200.000 euros, financiadas con subvencións do organismo provincial

Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, visitaron este xoves as obras de rexeneración da contorna da aldea de Ermelo, xunto aos deputados provinciais Santos Héctor e Olga María García. As obras acometéronse nos últimos anos e supuxeron un antes e un despois na revitalización deste espazo considerado como “o cerne do Morrazo”. 

Esta actuación de posta en valor levouse a cabo en dúas fases: a primeira consistiu no acondicionamento da praza pública, e a substitución do pavimento de asfalto por outro de mestura entre o adoquín e o enlousado de granito, e tamén se soterraron os tendidos eléctricos,  instaláronse bancos e unha marquesiña; mentres, a segunda, rematada a finais do pasado ano, incluíu a pavimentación con granito da zona baixa da aldea, coñecida como Camiño da Fonte, e da zona alta, concretamente no camiño que vai dende o recinto da igrexa ata o cruce do camiño de acceso á Esculca, tal e como puideron comprobar os representantes políticos na visita realizada este xoves. A actuación contou cun investimento total de máis de aproximadamente 200.000 euros entre as dúas fases, e foi financiada con cargo a dous programas do Plan Concellos da Deputación Provincial de Pontevedra.

Segundo salienta o alcalde, “trátase dun proxecto para valorizar un espazo histórico e no que tamén se renovaron os servizos básicos para a veciñanza como o alumeado, e o saneamento e abastecemento de auga”.

Para o goberno local, a rexeneración da contorna da aldea de Ermelo é un dos proxectos máis ilusionantes dos últimos anos, sobre todo porque con el se consegue poñer en valor o patrimonio e a cultura deste núcleo histórico – tradicional no marco do contexto do programa“Ermelo: cerne do Morrazo”. Juncal apunta que “estamos moi satisfeitos do traballo feito e de como está a ser o resultado”.

A historia do mosteiro prerrománico de Santiago de Ermelo provén do século X e foi reconstruído en estilo románico en 1104 trala súa destrución polos normandos. Posteriormente, no século XVIII, sufriu unha nova reedificación barroca. No seu interior atópanse tesouros de recoñecido valor histórico, como inscricións epigráficas, inscricións sepulcrais, etc.